O CDL de Mos acolleu o II Curso de Café Coffee Expert

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Esta acción formativa de especialización no mundo do café para profesionais do sector da hostelería foi promovida e organizada por unha empresa asociada a AEMOS

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de formación e emprego, Óscar Soto, acompañados tamén por outros edís do equipo de goberno mosense, asistiron esta tarde á clausura do II Curso de Café Coffee Expert de Illy Caffé que se celebrou onte e hoxe no CDL, Centro de Desenvolvemento Local de Mos, organizado pola empresa Carlos Martínez S.L. Sabores Únicos, empresa asociada á Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS.

O curso estivo dirixido a profesionais das empresas do sector da hostelería e constou de catro sesións de exposición e formación. A primeira edición deste curso realizouse tamén no CDL o ano pasado.

Esta acción formativa que rematou esta tarde estivo impartida polo barista Trainer Lucio Tanfi da ‘Universitá del Caffè di Spagna e Portogallo’. Este especialista conduciu ós participantes no curso por unha viaxe ó longo da que puideron descubrir o café ‘espresso’ e tódolos seus segredos.

 

Os contidos abordados durante o curso foron, entre outros, a botánica do café verde, os seus efectos fisiolóxicos, o proceso de elaboración industrial, a presurización como método exclusivo de envasado e conservación do café que preserva o seu aroma no tempo, e a elaboración da materia prima. A presurización foi un descubrimento de Francesco Illy en 1935 -e cuia patente pertence á empresa Illy-, que fai que o aire presente nas latas sexa substituído por gases inertes a unha presión superior á atmosférica, de xeito que o café poida ser exportado a tódalas partes do mundo cunha calidade constante. No curso incluiuse tamén formación práctica durante a que os asistentes puideron preparar distintos tipos de café coma capuccino, irlandés, etc. aplicando tamén as técnicas do ‘latte art’ e elaborando cremas de leite para acompañar ós cafés. Para facer unha boa combinación co café, o leite debe ter unha temperatura máxima de 65 graos centígrados, tal e como se explicou durante o curso, co fin de preservar as súas propiedades; e ademais non debe ser requentada máis dunha vez para evitar a súa caramelización e mal olor que poderían estropear e discriminar o sabor dun bo café.

 

Segundo declararon os representantes municipais asistentes ó acto de clausura desta tarde, “esta acción formativa non só é unha iniciativa novedosa que forma parte dun proxecto innovador, senón que representa o afán de perfeccionamento, autosuperación e especialización que non só o sector da hostelería, senón todos os demais tamén, precisan para que se poida vencer por fin á dura crise económica que estamos a vivir”, destacaron Arévalo e Soto.