O CIM de Mos fai balance do seu primeiro ano de vida

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

104 persoas recibiron asesoramento dende a apertura do centro o día 1 de xuño de 2017

O día 1 de xuño de 2017 comezou a prestarse atención ao público no Centro de Información á Muller, CIM, do Concello de Mos. Dende entón, e durante os seu primeiro ano de vida, foron atendidos no Centro de Información á Muller mosense un total de 104 usuarios: 94 mulleres e 10 homes. A maioría dos usuarios/as tiñan idades comprendidas entre os 25 e os 54 anos e non tiñan fillos/as.
96 persoas, -todos/as os/as usuarios/as do CIM agás 8-, das que recibiron atención eran veciños/as de Mos e algúns deles/as asistiron a varias sesións ou citas no Centro dende a súa apertura. No caso da intervención psicolóxica, ademais dos/as usuarios/as, son tamén atendidos psicolóxicamente os/as menores ao seu cargo integrantes da unidade familiar.
Entre os/as usuarios/as do CIM de Mos, prestáronse 163 sesións de atención psicolóxica, 76 de asesoramento xurídico, 8 de atención a vítimas de violencia de xénero, e 1 de orientación de emprego. Todos/as os/as usuarios/as beneficiarios/as do servizo de atención psicolóxica asistiron a varias sesións.
O habitual horario de atención psicolóxica no CIM de Mos é os luns e mércores, de 09.00 horas a 14.00 horas, e a atención xurídica os martes e venres de 09.00 horas a 14.00 horas e os xoves de 15.30 horas a 20.30 horas; de xeito que o centro está aberto tódolos días da semana de luns a venres. Sen embargo, durante os meses de xullo e agosto, cámbiase ao horario de verán substituíndo as tardes dos xoves por horario de mañá, de xeito que o centro permanece aberto durante a tempada estival todos os días de luns a venres de 09.00 horas a 14.00 horas.
O teléfono para pedir cita para o CIM é o mesmo que o do departamento municipal de Servizos Sociais, o 986337278. O Centro de Información á Muller de Mos conta con tres profesionais: unha directora, que é a psicóloga municipal, unha psicóloga e unha avogada. As instalacións do CIM atópanse ubicadas nos baixos do edificio municipal que alberga as dependencias de Urbanismo e Servizos Sociais.
O edificio municipal no que se atopan os departamentos de Urbanismo e Servizos Sociais contaba con dúas estancias baleiras e dispoñibles para destinar a este novo centro, que ademais, atópase ubicado a poucos metros da Casa Consistorial.
A finais de febreiro de 2017 anunciábase xa dende a administración local mosense que se estaba a xestionar coa Xunta de Galicia a creación dun Centro de Información á Muller na localidade e que se estaba a traballar nun proxecto que lle sería presentado á Secretaría Xeral da Igualdade. Tras 3 meses de xestións o novo CIM de Mos era xa unha realidade.
Ata fai un ano os e as mosenses que solicitaban os servizos do CIM, debían acudir ó da veciña localidade do Porriño, feito que cambiou coa implantación dun Centro en Mos, que lles evita aos/ás usuarios/as ter que desprazarse.
Os Centros de Información ás Mulleres son un servizo de titularidade municipal que, entre outras actividades, proporciona asesoramento xurídico e atención psicolóxica especializada tanto a maiores de idade coma ás persoas menores, orientación profesional, teleasistencia móbil para vítimas de violencia de xénero, información dos recursos e máis información encamiñada a conquerir a igualdade. Os 82 CIM galegos existentes actualmente reciben preto de 80.000 consultas anuais (das cales preto de 30.000 son para atención psicolóxica e 10.000 de vítimas de violencia de xénero) e atenden a preto de 20.000 persoas anuais. 20.000 persoas que son na súa maioría mulleres novas, con fillos, cun nivel básico de estudos e das que o 38% está en situación de desemprego.