O Circuíto Galego de Teatro Amador emprende a súa ruta por Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Rematará a víspera do Día Internacional contra a Violencia de Xénero coa representación dunha obra conmemorativa desta data tan sinalada celebrada anualmente cada 25 de novembro

 

A concellería de Benestar Social mosense, a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Teatro Afeccionado, FEGATEA, da cal é presidenta Chelo Pampillón –directora e profesora do gupo de teatro do Concello de Mos, ‘Obradoiro de Teatro Mulleres na Igualdade’-, traen a Mos o Circuíto Galego de Teatro Amador que organiza Atrezo Teatro.

 

Este circuíto contará cun total de cinco representacións que serán escenificadas no auditorio do Multiusos das Pozas dende o vindeiro sábado, día 19 de outubro, ata o 24 de novembro.

 

Segundo hoxe anunciou a edil de Cultura e Benestar Social de Mos, Sara Cebreiro, os espectáculos que a partir do sábado poderán contemplarse de xeito totalmente gratuíto son: o propio sábado ás 20.30 horas, Sánatos, da compañía Paso de Valverde; o día 2 de novembro tamén ás 20.30 horas, A verdadeira historia do corazón reloxo, de Trécola Teatro; o 9 de novembro ás 20.30 horas, As troianas, de Carfax Teatro; o 17 de novembro ás 19.30 horas, Cando as mulleres calan, do Grupo de Teatro Mulleres na Igualdade (de Mos); e por último, ás 19.30 horas do 24 de novembro, víspera do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a compañía Atrezo Teatro escenificará no Multiusos mosense a obra Consello de nai, que versa sobre a violencia machista e o maltrato ás mulleres centrándose nos embarazos durante a adolescencia en conmemoración da tan sinalada data do 25 de novembro.

 

As agrupacións teatrais participantes neste circuíto proceden de diversas localizacións entre toda a xeografía galega e interpretarán obras da máis diversa índole e temática. Paso de Valverde, procedente de Arteixo, falará na súa obra Sánatos do pasado que volta para amosarnos que a vida doe demasiado e que sempre queda a incertidume de se haberá lugar para o descanso. Os ourensáns Trécola Teatro abordarán en A verdadeira historia do corazón reloxo o tema da superación dos medos, o coñecemento do mundo e dun mesmo, e a importancia de seguir o impulso do corazón. Carfax Teatro, da Coruña, contará en As troianas a historia dun grupo de mulleres abatidas que esperan xunto ó seu campamento a ser repartidas como botín de guerra. As mosenses Grupo de Teatro Mulleres na Igualdade contarán en Cando as mulleres calan o que pasa cando as mulleres gardan segredos durante moi longo tempo e cando estes finalmente saen a luz. Por último, Atrezo Teatro, de Vigo, falará en Consello de nai do maltrato psicolóxico a unha adolescente embarazada e dos consellos que sobre ese embarazo aporta a nai do futuro pai, culpando á rapaza da situación e de ‘engatusar’ ó seu fillo.