O Concello de Mos aproba un convenio co Rexistro da Propiedade de Redondela para facilitarlles ós veciños a inscrición

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Este acordo fíxose necesario tras a Reforma da Lei Hipotecaria, que xa entrou en vigor, e que contempla a introducción do peche rexistral en relación co tributo sobre o Incremento de Valor de Terreos de Natureza Urbana

 

O Pleno da Corporación Municipal mosense aproba a proposta de acordo entre o Concello de Mos e o Rexistrador da Propiedade de Redondela a efecto da comunicación prevista no artigo 254.5 da Lei Hipotecaria.

 

O pasado 27 de decembro foi aprobada a Reforma da Lei Hipotecaria. A reforma da citada lei consiste na introducción do peche rexistral en relación co tributo sobre o Incremento de Valor de Terreos de Natureza Urbana, sobre o que se engade o parágrafo 5 ao artigo 254 da Lei Hipotecaria de acordo coa disposición adicional cuarta da Lei 16/2012 do 27 de decembro. Nesta disposición adicional cuarta adóitanse diversas medidas tributarias dirixidas á consolidación das finanzas públicas e ao impulso da actividade económica, que establecen textualmente que: “Con efectos dende 1 de xaneiro de 2013, súmase un novo apartado 5 no artigo 254 da Lei Hipotecaria, Texto Refundido segundo decreto do 8 de febreiro de 1946, coa seguinte redacción: O Rexistro da Propiedade non practicará a inscrición de ningún documento que conteña acto ou contrato determinante das obrigas tributarias polo Imposto sobre o Incremento de valor dos Terreos de Natureza Urbana, sen que se acredite previamente ter presentado a autoliquidación ou, no seu caso a declaración, do imposto, ou a comunicación a que se refire a letra b) do apartado 6 do artigo 110 do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 2/2004 do 5 de Marzo”.

 

Con este convenio entre administración local e Rexistro da Propiedade o que se pretende é facilitar a xestión tributaria municipal e axudar ós veciños e veciñas de Mos a cumprimentar as súas obrigas fiscais en relación co Imposto sobre o Incremento de Valor de Terreos de Natureza Urbana, evitando así a demora na inscrición pola pendencia de obrigas fiscais. Un exemplo clarísimo sería o seguinte:nunha compravenda dunha finca, o obrigado tributario deste imposto é o vendedor, e o interesado na inscrición no Rexistro da Propiedade sería o comprador; coa nova reforma o comprador dependería directamente da vontade do vendedor para poder rexistrar, pois se aquel non presenta o imposto de plusvalía o comprador tería pechada a posibilidade de rexistrar a súa finca.

 

Deste xeito, aprobado o acordo entre Concello e Rexistrador da Propiedade, os mosenses poderán realizar a comunicación á que se refire o artigo 254.5 da Lei Hipotecaria, directamente nas Oficinas do Rexistro da Propiedade de Redondela. Dita xestión poderá ser realizada polo adquirinte ou pola persoa a cuio favor se constitúa ou transmita o dereito real de que se trate, nas transmisións de terreos ou na constitución ou transmisión de dereitos reais de goce limitativos do dominio a título oneroso.

 

Vista a redacción deste novo apartado 5 do artigo 254, pódese concluír que se dá inicio a unha nova función de custodio da Facenda municipal, que resulta do peche rexistral para o Imposto sobre o Incremento de Valor dos Terreos de Natureza Urbana; de ahí a importancia de asinar este convenio entre Concello de Mos e Rexistro da Propiedade de Redondela, co fin de que se habilite ó citado Rexistrador para recibir a comunicación, que para o efecto establece a norma, coa asunción da remisión inmediata desta ao Concello e conseguinte apertura do Rexistro coa devandita comunicación. Esta posibilidade, como non podería ser doutro xeito, non só é viable xurídicamente senón moi conveniente para o cidadán, que ve facilitada a inscrición.