O Concello de Mos cataloga os seus hórreos tradicionais

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Un de cada catro exemplares están feitos con materiais nobres polo que teñen valor patrimonial

 

O Concello de Mos, a través da concellería de Medio Ambiente e Urbanismo que dirixe a edil Julia Loureiro, está a elaborar un catálogo exhaustivo dunha parte fundamental do seu patrimonio etnográfico: os hórreos. Este inventario atópase incluído nos trámites necesarios para a elaboración do Plan Xeral de Ordenación Municipal, xa que é un requisito indicado no informe sectorial emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

 

Este estudio está a ser realizando, visitando propiedade por propiedade e casa por casa, polo arqueólogo Alberte Reboreda Carreira. Segundo os resultados extraídos do estudio ata o de agora, o número total dos hórreos rexistrados en todo o termo municipal supera o milleiro de exemplares, se ben a maioría deles carece de valor patrimonial xa que foron construídos con materiais prefabricados (práctica que proliferou durante a década dos anos 60).

 

Estes traballos, promovidos polo Concello mosense, permitiron documentar ata o momento arredor de 300 hórreos con valor patrimonial, o que lle permitirá incluílos no Catálogo do PXOM que está a tramitar na actualidade. Unha vez inventariados e catalogados, todos estes hórreos gozarán de protección legal efectiva, sendo susceptibles os seus propietarios de recibir incentivos e subvencións que favorezan o seu coidado e conservación.

 

Os hórreos de máis de 100 anos teñen por lei a consideración de Bens de Interese Cultural (BIC), o maior grao de protección que a lexislación actual prevé para un ben patrimonial.

 

O hórreo é un edificiode uso agrícola destinado a secar, curar e gardar o millo antes de debullalo e moelo. Consta dunha cámara de almacenaxe de planta rectangular, estreita e permeable ao paso do ar, separada do chan para evitar a entrada de humidadee animais, nomeadamente roedores.

 

Os hórreos característicos da comarca da Louriña responden ao seguinte patrón:

 

a)      Hórreos con cámara de madeira soportada por pés de granito; son os máis sensibles e vulnerables.

b)      Hórreos con cámara mixta (pedra e madeira) soportado por pés de granito; son os que mellor soportaron o paso do tempo, sen ben os claros[1] de madeira de moitos deles foron subsituídos por cemento ou tixolo.

c)      Hórreos levantados con materiais prefabricados, nomeadamente cemento; estes exemplares empezaron a comercializarse de forma industrial na década de 1950.

 

Destas tres tipoloxías unicamente as dúas primeiras teñen valor ou relevancia patrimonial na medida en que se corresponden ao establecido polo art. 64 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia: “integran o patrimonio etnográfico de Galicia os lugares e os bens mobles e inmobles así como as actividades e os coñecementos que constitúan formas relevantes ou expresión da cultura e modos de vida tradicionais e propios do pobo galego nos seus aspectos materiais e inmateriais.”

 

Os hórreos foron documentados en distintas partes do mundo, sendo a península Ibérica unha das rexións do globo no que máis presencia teñen. Así teñen ampla presenza en Galicia, norte de Portugal, Asturias, provincia de León, Cantabria, País Vasco e Navarra. Estímase que Galicia é o territorio peninsular no que máis conservan, calculándose en 30.000 os hórreos construídos.

 

Canastros e calustras

 

No concello de Mos os hórreos reciben, de forma maioritaria, o nome de canastros, se ben nalgunhas parroquias (caso de Cela por exemplo) tamén son denominados con frecuencia calustras, unha verba moi minoritaria na nosa lingua (tamén documentada no norte de Portugal) que, por sí mesma, tamén é merecente da máxima protección.