O Concello de Mos celebrou un acto de despedida para os nenos saharauis que pasaron aquí as súas Vacacións en Paz

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

DSC_0171webSon un total de seis cativos que participaron no campamento estival Mañás de Verán así como noutras iniciativas organizadas pola administración local

 

A principios do pasado mes de xullo chegaron ó Concello de Mos procedentes dende o Sáhara os seis nenos saharauis que, gracias ó programa Vacacións en Paz da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, pasaron o verán xunto con familias veciñas do municipio mosense.

 

Dos cativos saharauis acollidos Mos 4 repetían experiencia e os 2 restantes era a primeira vez que viaxaban a Galicia. En total á comunidade autónoma galega chegaron este ano 318 nenos e nenas saharauis para pasar as súas Vacacións en Paz.

 

Ademais dos 6 pequenos protagonistas e as súas familias de acollida, estiveron presentes no acto de despedida no Concello a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social de Mos, Sara Cebreiro, un representante da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, e varios membros máis da Corporación Municipal mosense.

 

O Concello de Mos puxo a disposición das familias acolledoras mosenses de xeito totalmente gratuíto a participación dos cativos no campamento estival Mañás de Verán, para que os pais de acollida puideran conciliar fácilmente as súas vidas familiar e laboral.

 

A nivel galego a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui organizou unha xornada de convivencia que se celebrou o 19 de xullo ás 12.00 horas na Praza do Obradoiro de Santiago, co obxectivo de dar a coñecer a problemática existente no Sáhara. Esta xornada foi unha concentración de tódolos nenos saharauis do programa Vacacións en Paz e as súas familias de acollida durante o que representou un emotivo día de convivencia.

 

Asistencia médica

 

Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauis que veñen en acollida durante o verán.

 

Existe un convenio co Sergas polo cal os cativos saharauis recén chegados poden beneficiarse de todo tipo de revisións médicas e se lles poñen as vacinas necesarias e correspondentes ás súas respectivas idades. Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria.

 

Sobre este programa a edil mosense, Sara Cebreiro, declarou esta mañá que “é unha verdadeira sorte poder contar no municipio de Mos con familias que deciden involucrarse nunha causa solidaria coma esta, que trae sorrisos a nenos e nenas que verdadeiramente o necesitan”.