O Concello de Mos conciencia nos seus colexios de que conducir non é un xogo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Así se titula a campaña de prevención e educación en seguridade vial iniciada hoxe no CEIP de Atín

 

Hoxe iniciouse no Colexio de Atín-Cela a actividade de prevención e educación en seguridade vial, Conducir non é un xogo, organizada pola concellería mosense de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón.

 

Os destinatarios desta iniciativa son os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º cursos de Educación Primaria dos centros educativos mosenses CEIP Atín-Cela, CEIP Pena de Francia e CEIP de Petelos.

 

O proxecto desenvólvese, en cada un dos tres centros educativos mencionados, levando a cabo a sesión teórica no salón de actos e a sesión práctica no patio ou no pavillón deportivo. A duración da sesión teórica é de 50 minutos e a sesión práctica doutros 50 minutos aproximadamente. A finais de outubro esta actividade desenvolverase tamén no IES de Mos.

 

Como xa se dixo, Conducir non é un xogo desenvólvese en dúas partes diferenciadas: unha sesión teórica onde todos os estudantes participantes reciben unha charla conxunta sobre seguridade vial, prevención de accidentes e condución responsable na que se lles informa da normativa obrigatoria, da seguridade enfocada ó peón, da seguridade enfocada ó ciclista e ó condutor de ciclomotor e dos riscos na estrada e na rúa; e unha sesión práctica durante a que, por aulas, os escolares realizan  un circuíto de seguridade vial  no que poñen en práctica as recomendacións recibidas na sesión teórica.

 

Durante a presentación realizada esta mañá no colexio de Atín, a concelleira Monzón explicou que “a seguridade vial é un dos maiores recursos para a prevención de situacións de risco da poboación en xeral e dos escolares en particular” e declarou asimesmo que “o noso Concello presenta un índice moi elevado de accidentes e percances protagonizados por xoves que moitas veces conlevan tráxicas consecuencias, polo que a sensibilización do alumnado para que adquiran unha conduta responsable ante a circulación viaria é unha das premisas que esta concellería quere desenvolver durante este curso académico nos centros educativos do municipio”.

 

Concretamente sobre a iniciativa Conducir non é un xogo dixo que “decidimos impulsala por tratarse dun proxecto didáctico que pretende ser un recurso de apoio para os mestres na ensinanza da seguridade viaria como contido transversal”.

 

Os obxectivos desta actividades on favorecer unha conduta responsable ante a circulación, dotar ós centros educativos dun recurso específico en seguridade viaria, promover no alumnado a importancia da responsabilidade en materia de circulación, identificar aspectos e condutas que favorecen os accidentes, visionar as consecuencias dunha mala praxis, concienciar nas responsabilidades persoais, e adquirir o compromiso de desenvolver as boas prácticas.