O Concello de Mos continúa a sumar accións na súa loita contra a violencia de xénero

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Un protocolo de detección e tratamento de situacións de maltrato entre os/as traballadores/as municipais e outro para establecer unha Rede de Entidades Locais contra esta lacra social únense á recente apertura do CIM mosense

O Concello de Mos continúa a sumar accións na súa loita contra a violencia de xénero e así o demostrou coa recente apertura do CIM (Centro de Información á Muller), coa adhesión o pasado 23 de maio ao protocolo de detección e tratamento entre os/as traballadores/as municipais de situacións de violencia de xénero producidas dentro e fóra dos lugares de traballo; e coa adhesión, que se aprobará esta mesma tarde en Xunta de Goberno Local, ao protocolo de colaboración entre a Secretaría Xeral de Igualdade e a FEGAMP para establecer unha Rede de Entidades Locais en contra da Violencia de Xénero. Así o informaron hoxe a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Política Social, Sara Cebreiro.

O pasado 23 de maio celebrouse na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela o acto de adhesión ao Protocolo para a Detección e Tratamento na Empresa de Situacións de Violencia de Xénero Producidas Dentro e Fóra dos Lugares de Traballo, onde estiveron presentes, ente outros, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a concelleira de Política Social de Mos, Sara Cebreiro. Con esta adhesión o Concello de Mos é pioneiro en accións encadradas no marco da Responsabilidade Social Corporativa en materia de violencia de xénero.

Por outra banda esta tarde en Xunta de Goberno Local aprobarase a adhesión ao Protocolo de Colaboración entre a Secretaría Xeral de Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias para establecer unha Rede de Entidades Locais en contra da Violencia de Xénero e realizar outras accións de sensibilización social en contra da violencia de xénero.

Dito protocolo establece as bases de coordinación dos recursos dirixidos a sensibilizar na loita e prevención da violencia de xénero tales coma información, formación, asistencia ás vítimas, intercambio de experiencias, manual de boas prácticas, etc.

CIM

Sen dúbida estas dúas novas accións veñen a reforzar o importante logro do Concello de Mos de conseguir para o municipio mosense un Centro de Información á Muller propio que abriu as súas portas o pasado 1 de xuño.

O horario de atención é os luns e mércores, de 09.00 horas a 14.00 horas, e a atención xurídica os martes e venres de 09.00 horas a 14.00 horas e os xoves de 15.30 horas a 20.30 horas; de xeito que o centro está aberto tódolos días da semana de luns a venres.

O teléfono para pedir cita para o CIM é o mesmo que o do departamento municipal de Servizos Sociais, o 986337278. O Centro de Información á Muller de Mos conta con tres traballadoras: unha directora, que é a psicóloga municipal, unha psicóloga e unha abogada. Precisamente esta mañá a psicóloga e a avogada viñeron a coñecer as instalacións do CIM mosense e as visitaron acompañadas da rexedora local e a edil de Política Social. Ditas instalacións atópanse ubicadas nos baixos do edificio municipal que alberga as dependencias de Urbanismo e Servizos Sociais.

O edificio municipal no que se atopan os departamentos de Urbanismo e Servizos Sociais contaba con dúas estancias valeiras e dispoñibles para destinar a este novo centro, que ademais, atópase ubicado a poucos metros da Casa Consistorial.

A finais do pasado mes de febreiro anunciábase xa dende a administración local mosense que se estaba a xestionar coa Xunta de Galicia a creación dun Centro de Información á Muller na localidade e que se estaba a traballar nun proxecto que lle sería presentado á Secretaría Xeral da Igualdade. Pois ben, este novo CIM para Mos é xa, tan só tres meses despois, unha realidade.

Ata o de agora os e as mosenses que solicitaban os servizos do CIM, debían acudir ó da veciña localidade do Porriño, feito que cambiará coa implantación dun Centro en Mos, que lles evitará aos/ás usuarios/as ter que desprazarse.

O CIM de Mos é o número 28 da provincia de Pontevedra, e o 81 Centro de Información á Muller de Galicia, xa que ata o de agora había 80 na Comunidade Autónoma Galega.

Os Centros de Información ás Mulleres son un servizo de titularidade municipal que, entre outras actividades, proporciona asesoramento xurídico e atención psicolóxica especializada tanto a maiores de idade coma ás persoas menores, orientación profesional, teleasistencia móbil para vítimas de violencia de xénero, información dos recursos e máis información encamiñada a conquerir a igualdade.

Os 80 CIM galegos existentes actualmente reciben preto de 80.000 consultas anuais (das cales preto de 30.000 son para atención psicolóxica e 10.000 de vítimas de violencia de xénero) e atenden a preto de 20.000 persoas anuais. 20.000 persoas que son na súa maioría mulleres novas, con fillos, cun nivel básico de estudos e das que o 38% está en situación de desemprego.