O Concello de Mos dálle un mes de prazo á Confederación para que emita o permiso necesario para rematar a mellora do acceso a San Eleuterio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

  • A administración local precisa da autorización do organismo estatal para retirar uns postes de Fenosa que obstaculizan no vial
  • O permiso solicitouse en xuño e desde entón pasaron xa oito meses

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras mosense, Camilo Augusto e os secretario e xurídico e arquitecto municipais, participaron onte nunha reunión coa veciñanza da zona convocada polo Concello para informar e aclarar diferentes aspectos sobre demora do remate das obras de mellora do acceso a San Eleuterio,
causada polo retraso do permiso de Confederación Hidrográfica para retirar os postes de Fenosa existentes.

A xuntanza celebrouse nas instalacións do Campo de Fútbol de Cototorrón e da mesma extraeuse o acordo, en consenso cos veciños, de “darlle un mes máis de prazo á Confederación para emitir o permiso e, senón, poñer en marcha todas as ferramentas que estean ao noso alcance para desbloquear esta situación, entre elas organizar unha mobilización veciñal a Ourense á sede da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, se fose necesario”, declararon os representantes municipais Arévalo e Augusto. Quenes informaron ademais que de inmediato vaise reiterar un novo escrito de apremio á Confederación, que irá acompañado, refrendado e avalado por sinaturas de veciños e veciñas habitantes da zona afectados pola demora.

Desde o Concello lamentan esta situación que consideran incomprensible, “xa que levamos desde o pasado mes de xuño esperando unha resposta, que tememos vaia aínda para longo, xa que se nos comunica que desde Confederación teñen un prazo de seis meses máis para respostar ao último escrito de Fenosa”, tal e como explican rexedora local e tenente alcalde.

Nidia Arévalo e Camilo Augusto comprenden “a preocupación dos veciños, que están indignados con razón” e aclaran que “a administración local mosense ten retida a partida económica destinada a rematar os traballos, pendente do permiso para retirada dos postes; que ninguén intente confundir dicindo que a obra non se remata por falta de diñeiro por parte do Concello”.

Deste xeito daráselle un mes máis de prazo á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para que axilice o permiso para poder retirar dous postes de Fenosa e soterrar a liña eléctrica no acceso a San Eleuterio, de forma que se poida acometer o asfaltado do vial e rematar así a obra. De non ser así buscaranse alternativas para darlle solución ao problema.

O asfaltado está pendente da retirada de dous postes de media tensión de Fenosa. A eliminación dos devanditos postes é necesaria tanto para poder levar a cabo os traballos de reposición do firme como por seguridade viaria, xa que se trata de elementos que obstaculizan.

Dende o Concello de Mos fai oito meses que se solicitou a Fenosa a retirada dos postes e, á súa vez, a empresa pediu permiso para quitalos á Confederación Hidrográfica. Pola súa banda a administración local non pode eludir este trámite e actuar retirando os postes, en aras de evitar calquera tipo de expediente sancionador por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A premura deste asunto radica en que esta trátase dunha zona de gran actividade e movemento nos ámbitos residencial, deportivo e educativo, xa que nela se atopan ubicados a Urbanización de San Eleuterio, o Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga e a Escola Infantil A Galiña Azul de Cototorrón.