O Concello de Mos denuncia o roubo de cable de cobre do alumeado público nas Pozas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A substracción deixou sen luz a tres camiños desta zona da parroquia de Petelos

O concelleiro de Alumeado de Mos, Baldomero Lorenzo, informou hoxe de que a finais da semana pasada produciuse un roubo de cable do tendido eléctrico do alumeado público na zona das Pozas, parroquia de Petelos.
Concretamente substraíronse 100 metros de cable de cobre no tramo que vai dende o Camiño das Pozas ata a pista de skate que se atopa detrás do edificio Multiusos. A consecuencia deste roubo, víronse afectados quedando sen servizo de alumeado público outros dous camiños, o Camiño da Raposeira e o Camiño Vello das Urces; ademais da zona onde se produciu propiamente a substracción.
A Policía Local de Mos acudiu ao lugar dos feitos para realizar unha inspección ocular e atópase investigando o suceso. Así mesmo, por parte do Concello de Mos presentouse a pertinente denuncia perante a Garda Civil.