O Concello de Mos e Ecovidrio promoven o reciclado de vidro no sector hostaleiro involucrando a 36 establecementos de hostalaría e restauración

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Reparten 27 cubos con rodas de gran capacidade, adaptados para facilitar o reciclado de vidro aos establecementos que previamente o solicitasen. Ademais, instaláronse 9 colectores especiais VACRI

 

Esta iniciativa forma parte da Acción HORECA e é fundamental para incrementar os quilogramos de envases de vidro depositados nos colectores, xa que o sector hostaleiro consume o 48% dos envases de vidro, xerando, polo tanto, a mesma porcentaxe de residuos deste material. O Concello de Mos e Ecovidrio, Asociación sen ánimo de lucro que xestiona o reciclado dos envases de vidro depositados nos colectores de toda España, colaboran nesta campaña para facilitar a recollida e reciclado dos residuos de envases de vidro en locais hostaleiros da localidade.

 

Dito plan ten como obxectivo mellorar os resultados da reciclaxe de vidro no municipio mosense, potenciando dita reciclaxe entre o sector hosteleiro, que é o que fai un maior consumo de productos envasados con este material.

 

A iniciativa foi presentada esta mañá, no Centro de Desenvolvemento Local, pola Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo Gómez, a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro Campo, e por Germán Fernández Freire, xerente de zona de Ecovidrio para Galicia. Ó acto asistiron tamén os hostaleiros que se benefician deste plan, xa se se aproveitou para facer, durante o mesmo, unha demostración e explicarlles como se utilizan, na práctica, os contedores VACRI e os seus correspondentes cubos adaptados, dos que cada local adherido a este plan recibirán esta mesma tarde unha unidade, ou dous se fose necesario polo volume de vidro que manexan. Os 9 colectores xa se atopan instalados en varias zonas ó longo do termo municipal de Mos. O sistema especial co que contan ambos aparellos, tanto os colectores coma os cubos, consiste nun enganche co que ambos se adaptan, unha porta estratéxica no colector VACRI e un sistema hidráulico para facilitar o baleirado do contido do cubo dentro do contedor. A porta do colector consiste nunha boca ancha, a maiores do sistema de elevación hidráulica para facilitar o baleirado do cubo cos residuos de envases de vidro xerados durante a actividade hostaleira.

 

Deste xeito cada establecemento poderá, ó final do día, transportar de xeito sinxelo e práctico gracias ó sistema de rodas, o cubo cheo cos desperdicios de toda a xornada ata o contenedor adaptado que se instale na súa zona e acoplalo a dito contenedor que, cun sistema de basculación, lle permitirá ó hosteleiro en cuestión vaciar o cubo sen realizar un gran esforzo físico.

 

A devandita campaña arrancou fai uns meses cunha primeira fase, a partir dun traballo de campo plasmado na realización dunha serie de enquisas por parte de técnicos de Ecovidrio, a preto de 40 establecementos do Concello, co obxectivo de informar desta iniciativa, e detectar as necesidades dos hostaleiros para facilitarlles o reciclado dos envases vidro. Segundo explicou a edil responsable da mesma, Julia Loureiro, “esta idea surxiu tras a realización dun estudio conxunto entre a concellería de Medio Ambiente e Ecovidrio, consistente na análise das necesidades do Concello en materia de reciclaxe de vidro, chegando á conclusión de que o sector hosteleiro mosense rexistraba certas carencias neste sentido, que era necesario mellorar; de modo que así surxiu a posta en marcha en Mos da Acción Horeca”.

 

Tras este primeiro estudio ambas entidades colaboradoras, administración local e Ecovidrio, realizaron unha enquisa entre tódolos hosteleiros do municipio na que se lles preguntaba se un sistema coma o que se vai instalar, provisto de cubos especiais para vidro e contenedores adaptados distribuídos por diferentes zonas, lles facilitarían o traballo á hora de desfacerse dos desperdicios de envases de cristal e, por suposto, de reciclalos. A resposta da maioría dos enquisados foi afirmativa, motivo polo cal se puxo en marcha a iniciativa.

 

Esta tarde, como xa se mencionou antes, entregaranse un total de 27 cubos con rodas de gran capacidade, mentres que os 9 colectores VACRI xa se atopan instalados. Os colectores VACRI están distribuídos polas seguintes zonas da localidade, que son nas que se congregan un maior número de negocios de hostelería: dous contedores en Puxeiros, outros dous en Peinador, un na Florida, outro na estrada Nacional 550 na parroquia de Louredo, e outros dous na Avenida de Sanguiñeda.

 

Da zona de Puxeiros adheríronse a este plan un total de 6 establecementos, da zona de Peinador 7 locais, da Florida 2, de Louredo xunto á N-550 3 locais, e da Avenida de Sanguiñeda un total de 8 establecementos. De entre os locais de Sanguiñeda cómpre destacar o caso da discoteca Queen, que se adheriu solicitando ademais dous cubos debido ó elevado volume de envases de cristal que manexa.

 

Durante o acto desta mañá no CDL Loureiro declarou ademais que “ó poñer estes 9 contenedores de vidro, os antigos que se atopaban no seu lugar van servir para reforzar o servizo nas 10 parroquias mosenses, con presencia de contedores de vidro en zonas que non había ata o de agora, motivando e facilitándolles aínda máis ós veciños e veciñas de Mos a reciclaxe de vidro”. Neste sentido, a concelleira de Medio Ambiente quixo recordarlles a tódolos habitantes do municipio a importancia de que reciclen.

 

“Coa posta en marcha da Acción Horeca tratamos de mellorar os resultados da localidade de Mos en materia de reciclaxe de vidro, ó tempo que melloramos a estética dos espazos públicos nos que hai instalados unha maior cantidade de contenedores”, explicou Julia Loureiro. Ademais a edil adiantou tamén a noticia de que “dende a concellería de Medio Ambiente, poñerémonos a traballar a continuación nun plan para mellorar os resultados da recliclaxe de cartón no municipio, que son os que peor parados saen nunha enquisa sobre reciclaxe publicada recentemente”, dixo.

 

En palabras do seu xerente para a zona de Galicia, Germán Fernández, “con iniciativas coma esta o que pretende Ecovidrio é, por unha parte facilitarlle a reciclaxe de vidro ós grandes xeradores de residuos deste material, que son os hostaleiros, e por outra parte facilitarlles tamén ós Concellos, neste caso ó Concello de Mos, a recollida dos envases de vidro desfeitados”. E é que a importancia da reciclaxe do vidro radica en que se trata dunha materia prima que se pode reciclar indefinidamente e, polo tanto, reutilizar infinitamente.

 

 

 

 

HORECA, un sector clave para aumentar a cantidade de vidro reciclado

 

O sector HORECA é fundamental para incrementar os quilogramos de envases de vidro depositados nos colectores españois, xa que consume o 48% dos envases de vidro. Por esta razón, é importante informar os hostaleiros da importancia de realizar unha correcta separación dos envases de vidro en orixe.

 

Os colectores de vidro situados nas rúas, serven para recoller unicamente os envases de vidro: botellas, tarros e frascos que se consumen no sector e nos fogares. Hai outros materiais, como poden ser a cerámica ou outros tipos de vidro (pratos, vasos, cristais de ventás, etc.), que ao ter unha composición distinta á do vidro dos envases, deben ser depositados nos puntos limpos dos pobos e cidades.

 

Datos de reciclado de vidro en Mos

 

Esta campaña tamén servirá para seguir elevando e mellorando os quilogramos de residuos de envases de vidro depositados nos 51 colectores da localidade, aos que se sumarán estas novas unidades de iglú especial (VACRI). Segundo os últimos datos dispoñibles, os veciños de Mos reciclaron un total de 140.920 quilogramos de vidro, o que supón que cada cidadán reciclou unha media de case 9,2 quilogramos de vidro durante o pasado 2012.

 

Que é Ecovidrio?

 

Ecovidrio é unha asociación sen ánimo de lucro encargada da xestión do reciclado dos residuos de envases de vidro nos colectores de toda España. Ecovidrio encárgase de xestionar a recollida selectiva de envases de vidro mediante a instalación de colectores para facilitar a colaboración cidadá e garantindo o seu reciclado. Ademais, realiza campañas de sensibilización cidadá e promove a prevención estimulando a redución do volume dos residuos que se xeran.

 

O 100% do vidro depositado nos colectores se recicla e é usado para fabricar novos envases de vidro, logrando numerosos beneficios ambientais.