O Concello de Mos inicia o reparto dos novos números de tódalas vivendas

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Aprovéitase ademais para revisar e actualizar os padróns dos servizos municipais

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que o Concello de Mos inicia de xeito inminente a entrega dos novos múmeros que se lle asignaron a cada unha das vivendas do Concello á raíz da aprobación en Pleno da toponimia dos viais do termo municipal e da renumeración das vivendas, acordo que fora adoitado no ano 2011. Ademais, aproveitando esta entrega casa por casa, a administración local realizará unha revisión e actualización dos padróns dos servizos municipais en tódalas vivendas e edificacións do Concello.

 

O traballo a realizar é unha ardua labor de revisión do traballo de nomenclatura dos viais, así coma de entrega ós propietarios das vivendas dos seus respectivos números, sendo unha tarefa minuciosa, xa que se irá porta por porta por cada unha das dez parroquias mosenses, recollendo ademais as posibles puntualizacións ou demandas dos veciños de cada casa a este respecto.

 

Unha vez rematado o reparto, Mos contará con sinalización en tódolos camiños e numeración en tódalas vivendas, eliminando así a problemática da repetición dos números en casas do mesmo vial e dos nomes das vías públicas municipais.

 

A nova numeración das vivendas e denominación das rúas de Mos é xa deste xeito unha realidade, gracias á cal existe unha nomenclatura e numeración independentes para cada rúa e vivenda mosenses, respectivamente. Para lograr o que hoxe é xa unha realidade realizouse un intenso traballo previo dende o Concello e en colaboración coa Universidade de Vigo, coa que se asinou un convenio, e se estivo realizando un traballo de inventariado de tódolos viais de Mos co fin de dotalos de nome e numeración. O proxecto de toponimia foi un traballo realizado a través dun convenio entre o Concello de Mos e a Universidade de Vigo. Un equipo de becarios de Enxeñería de Minas e un Informático, coordinados por un experto Cartográfico, realizaron o inventario de tódalas vías e vivendas do municipio e lle asignaron a numeración correspondente ás vivendas e parcelas das zonas de núcleo. Ademais da Universidade, xogaron un papel importantísimo neste proxecto un grupo de técnicos municipais que revisaron e supervisaron o traballo dos becarios e percorreron todo o municipio cotexando o inventariado realizado polos mesmos, para comprobar que todo se fixese coa corrección pertinente.

 

A partir de agora, e unha vez repartidos tódolos novos números das vivendas mosenses, “evitarase que se repitan os nomes de rúas ou camiños, e o número das casas nunha mesma rúa”, situación que se daba en Mos orixinando problemas co servizo de correo, entre outros, explicaba a alcaldesa, Nidia Arévalo.

 

Unha vez rematado o reparto da nova numeración, tódalas casas de Mos terán o seu propio número e as rúas, unha placa co seu nome.