O Concello de Mos inicia unha batería de seis novos asfaltados

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A financiación das obras inclúe fondos da administración provincial e propios municipais

 

O Concello de Mos continúa co seu Plan Integral de Mellora dos Camiños e Estradas Municipais, prioridade do equipo de goberno local tras ter acadado a práctica totalidade do saneamento integral da localidade mosense.

 

A alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Vías e Obras, Alberto Méndez, informaron hoxe de que actualmente están en marcha seis novos asfaltados no municipio, que benefician ás parroquias de Mos, Dornelas, Louredo e Torroso. Os representantes locais explicaron a este respecto que “a optimización de viais é a principal demanda veciñal a día de hoxe en Mos”.

 

Estas seis obras fináncianse entre a Deputación de Pontevedra e fondos propios do Concello de Mos. En primeiro lugar atópase o Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais, PUSIM, da administración provincial, con cargo ó que se están a realizar os traballos de reafirmado dos camiños de Marenco en Dornelas, Zapateira en Mos, e o vial entre Cortiñas e Quintal na parroquia de Louredo.

 

“Esta actuación de pavimentación de tres camiños é de gran importancia por tratarse de viais no que o firme estaba bastante deteriorado e ser estradas con moito tráfico rodado e que dan servizo a un gran número de vivendas; polo que coa acometida do novo firme mellorarase notablemente a infraestrutura viaria da zona”, explicaron Arévalo e Méndez. A Deputación inviste na execución destas obras un total de 115.351,38 euros.

 

Por outra banda o propio Concello, con fondos propios municipais, acomete outros tres asfaltados de vital importancia para a localidade mosense que son a estrada que une San Xoán (Torroso) e Os Castros (Dornelas), o Camiño do Pombal en Louredo e o Camiño da Pelada en Torroso.

 

O asfaltado da estrada San Xoán-Os Castros, cun orzamento de 98.179,40 euros, abarca unha lonxitude de 1.542 metros. A zona de actuación inclúe exactamente a Rúa de San Xoan e a súa continuación polo Camiño dos Castros ata a Rúa Pedreira. O obxectivo dos traballos é o de mellorar a seguridade vial da zona mediante a rehabilitación do firme e actuacións complementarias de drenaxe e marcas viais. Antes de proceder ó asfaltado contémplase a limpeza e desbroce das marxes laterais do vial e dos sistemas de drenaxe lonxitudinal.

 

O Camiño do Pombal na parroquia de Louredo tamén é obxecto de limpeza e desbroce das marxes do vial previos ós traballos de reposición do firme. O asfaltado se realiza ó longo dun total de 1.998 metros que teñen un ancho variable entre 2,5 e 6 metros. Ademais da pavimentación realizarase o recrecido de tapas de arquetas e pozos afectados pola nova capa de rodadura. O orzamento total desta obra ascende a 112.246,61 euros.

 

Por último, o asfaltado do Camiño da Pelada (Torroso) conta cun orzamento de 27.203,07 euros que contempla reposición do firme tras a realización previa de traballos de limpeza e desbroce. Tamén se inclúen actuacións complementarias como levantado e recrecido de tapas de arquetas e pozos afectados pola nova capa de rodadura. A lonxitude do vial obxecto desta mellora ascende a 442 metros con ancho variable entre 3 e 5 metros.

 

En total investiranse nestes seis asfaltados 352.980,46 euros.