O Concello de Mos investiu en educación preto de 650.000 euros no 2018

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Actualmente o CEIP Atín-Cela benefíciase de varias obras de mellora, entre as que se atopan o de cambio de ventás, xa en execución, e o acceso traseiro que se atopa en proceso de licitación para contratación

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que se atopan en marcha os traballos de substitución da carpintería exterior do Colexio de Atín mediante os que se renovan as ventás instalando outras novas de aluminio en todo o centro. As obras estanse a acometer polas tardes para non interromper o normal desenvolvemento das clases en horario lectivo. Os traballos, financiados pola consellería de Educación da Xunta de Galicia, supoñen unha inversión que supera os 45.000 euros. Estas obras revertirán nunha importante optimización do illamento térmico das instalacións do centro educativo coa conseguinte mellora da eficiencia enerxética e aforro en gastos de climatización.

Ademais a rexedora local mosense anunciou que, tras un arduo procedemento no que foron necesarios numerosos trámites, a obra de mellora do acceso traseiro do centro educativo poderá ser xa acometida de inmediato, posto que xa é efectiva a cesión da parcela colindante necesaria a tal fin. Trátase dunha obra consistente na adaptación e reforma do acceso traseiro ao CEIP de Atín mediante a acometida dun acceso pavimentado para os autobuses a nivel co colexio para que os nenos accedan ao centro sen barreiras arquitectónicas, e na renovación do peche da parcela do colexio, cunha lonxitude de 124 metros lineais.

A devandita obra atópase xa en proceso de licitación de cara á contratación da empresa construtora que se encargue de executala. O orzamento total de execución por contrata para estes traballos ascende a 38.699,32 euros.

A maiores destas dúas obras por parte da consellería de Educación da Xunta de Galicia, o CEIP Atín-Cela está a ser obxecto de varias obras de mellora acometidas polo Concello de Mos con fondos propios, entre as que se atopan a construción dun novo almacén de limpeza e diversos traballos nas novas oficinas do centro.

A alcaldesa rematou lembrando que o de Mos é un Concello volcado coa educación e coas políticas educativas e durante a pasada lexislatura leváronse a cabo melloras en todos os centros tales como a mellora Integral do colexio Pena de Francia, a ampliación do comedor e aulas no colexio de Sanguiñeda, o cambio de teitos e luminarias no colexio de Atín, varias melloras no patio exterior e na área de Infantil, instalación ADSL e colaboración co proxecto O Patio que Soñamos no Colexio Castro-Mos; instalación de ADSL e varias melloras no parque infantil no Colexio de Petelos e melloras no IES de Mos, tales como peche perimetral e reparación da cuberta e dos aleiros e instalación de ADSL. A maiores o Concello organizou actividades para o alumnado en horario lectivo das que se beneficiaron 1.713 cativos. “O Concello de Mos está volcado coa educación e os centros educativos do municipio, tal e como demostra, entre outras moitas cousas, a constante intermediación coa consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia para a realización das grandes obras, -xa que se trata da administración con competencias en materia de Educación-. Sen ir máis lonxe, a consellería vén de investir 400.000 euros nunha rehabilitación integral do colexio Pena de Francia que permite un aforro enerxético do 23%”.