O Concello de Mos mellora unha serie de parques infantís municipais comezando polo da Pesqueira

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Hoxe rematarán os traballos de renovación do céspede artificial e de mantemento dos elementos de xogo nesta área de lecer da parroquia de Mos

 

Hoxe rematarán os traballos de renovación do céspede artificial do Parque da Pesqueira en Mos, que se iniciaron esta semana dentro dos labores de mellora que inclúen tamén tarefas de mantemento dos elementos de xogo.

Para supervisar os traballos desprazáronse ata a área de lecer infantil esta mañá o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e o edil mosense de Parques e Xardíns e Servizos para a mellora do entorno rural e urbano, Baldomero Lorenzo.

Os representantes municipais, Augusto e Lorenzo, aproveitaron así mesmo para informar de que estas obras na Pesqueira, parroquia de Mos, son as primeiras dunha serie de melloras iniciadas en parques infantís do Concello e que se farán extensivas a varias áreas de lecer da localidade mosense.

Entre os parques infantís municipais obxecto de mellora atópanse o da parroquia de Torroso xunto á sede de Asodifisi, o de Arrufana na parroquia de Louredo, o das Lagoas en Guizán e o do Agueiro en Sanguiñeda.

A reapertura dos parques infantís municipais tras o peche derivado da crise sanitaria da COVID-19 produciuse o pasado 7 de xullo con indicacións e medidas de seguridade especificadas en carteis informativos para a cidadanía e apelando á responsabilidade individual da veciñanza.