O Concello patrocina a nova equipaxe do equipo feminino da Unión Deportiva Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As mosenses quedaron sextas na Liga e erixíronse nun dos equipos revelación da tempada

A Corporación Municipal mosense recibiu no Salón de Sesións do Concello ás xogadoras do equipo feminino da Unión Deportiva Mos “para recoñecer os bos resultados acadados na Liga que recentemente acaba de concluir e para facerlles entrega da nova equipaxe coa que xogarán a partir de agora e coa que quixemos agasallalas por ser un auténtico exemplo de mulleres loitadoras e cun gran espíritu de esforzo e superación, así como cunha inmensa capacidade de traballo”, segundo declararon a Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Deportes, Baldomero Lorenzo.
As xogadoras, que veñen de realizar unha fantástica tempada, acudiron á recepción acompañadas do presidente da U.D. Mos, Pablo Alonso Serodio, do director deportivo do club, Cristian Taibo, e do seu adestrador.
O U.D. Mos Feminino quedou 6º na Liga, sendo equipo nobel na categoría. E opta ao Premio de Equipo Revelación da Tempada 2017-2018.
As xogadoras do U.D. Mos Feminino levan dous anos xogando en Fútbol 11. O ano pasado ascenderon e este ano quedaron en sexta posición na Liga. O equipo naceu fai catro anos e os dous primeiros xogaron en Fútbol 7 gañando a Liga os dous anos consecutivos.
Taibo e Alonso Serodio, director deportivo e presidente do club, respectivamente, destacan “o meteórico progreso deportivo deste equipo de mulleres de todas as idades, que son un orgullo para a Unión Deportiva Mos; e este recoñecemento municipal que lles fai o Concello ven a reforzar a aposta deportiva que dende a U.D. Mos facemos pola nosa sección feminina”.