O Concello de Mos pon en marcha un grupo para preparar as probas de obtención do título da ESO

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As clases iniciáronse hoxe pero aínda quedan prazas libres para os interesados en participar

 

Hoxe iniciouse o curso de preparación para as probas libres para a obtención do título de Graduado en ESO.

 

Dende a Axencia de Colocación do Concello de Mos, incentívase e promóvese este tipo de formación, coa finalidade de que os/as interesados/as, poidan adquirir as competencias necesarias para a obtención do título de Graduado en ESO, que lles permitiría acceder á maioría de postos de emprego, que se ofertan hoxe en día.

 

Actualmente, ter o título de Graduado en ESO, é un paso imprescindible para prosperar e conseguir un bo traballo.

 

Son moitas as persoas que por un motivo ou outro non remataron os estudos primarios, e pese a poder traballar e gañarse a vida, un día deciden prosperar e atópanse coa barreira de non ter o título de Graduado en ESO.

 

O título de Graduado en ESO, que substitúe e equivale ó anterior Graduado Escolar, pero só a efectos laborais, e non, a efectos académicos, é o título que abre as portas a moitas posibilidades: dende o acceso a traballos mellor considerados, o acceso a Oposicións (sexan do Estado ou Locais) onde esixan este título como requisito, o xa sexa para acceder a estudios superiores (como estudios de Bacharelato, de Formación Profesional, e incluso universitarios).

 

O Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria (Graduado en ESO), convírtese en imprescindible hoxe en día para calquera. As persoas que aínda non o teñen ou non puideron rematar estes estudios teñen agora a oportunidade de conseguilo e mellorar no ámbito laboral e persoal. E é que aínda quedan prazas vacantes no curso que hoxe se iniciou de preparación das probas libres para a obtención do Graduado en ESO.

 

A metodoloxía empregada consiste en clases presenciais que se conciben como unha unidade de aprendizaxe, e cun traballo individualizado e colaborativo, con planificación de materias e avaliación continua, á que se suma unha titoría continuada a través dunha plataforma on line e telefónica, a través da cal se fará o seguemento individualizado de cada alumno/a, e onde o alumno/a poderá descargar todos os recursos que necesite para o estudo das materias. O obxectivo desta metodoloxía de traballo activa, participativa e flexible é que o alumno manteña o interese e esforzo, coa finalidade de obter os mellores resultados posibles, para a próxima convocatoria das pruebas, no ano 2015.

As clases son presenciais e impártense todos os xoves, de 09:00 horas a 13:00 horas.