O Concello de Mos pon en marcha unha App para que os seus habitantes estean informados en tempo real

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

DSC_0008O día 17 deste mes impartirase no Multiusos un curso de descarga e uso desta aplicación móbil gratuíta de mensaxería instantánea

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e Edelmiro Justo Calviño, director adxunto de TokApp School presentaron esta mañá no Concello a nova aplicación para smartphones que a administración local pon en funcionamento para todos aqueles veciños e veciñas interesados en manterse permanentemente informados das iniciativas municipais: actividades, axudas, viaxes, campionatos, eventos deportivos, charlas informativas, cursos, festas, etc.

Trátase dunha aplicación gratuíta que calquera poderá descargarse no seu teléfono móbil (tipo WhatsApp por exemplo) e pasará a recibir a información municipal do seu interese que previamente terá que haber seleccionado, cumprimentando os seus datos nun formulario e marcando o tipo de notificacións que desexa recibir.

Os interesados en beneficiarse desta aplicación, así como dunha xornada de formación sobre a mesma na que se lles axudará tamén a descargala e instalala, poderán asistir o vindeiro sábado 17 de setembro ás 11.00 horas da mañá ó auditorio do centro Multiusos das Pozas, onde se impartirá un curso de uso sobre a App TokApp School.

TokApp School foi unha plataforma creada, nun inicio, para facilitar e mellorar acomunicación entre centros educativos, AMPAS, asociacións, profesores, pais e alumnos. A pesar de ser pensada desde un principio para o seu uso no ámbito educativo, pronto suscitou interese na contorna dada a súa versatilidade e o fácil que é de adaptar a outro tipo de organizacións. Así, varios Concellos, dentro e fóra da Comunidade de Galicia, xa mostraron a súa predisposición para informarse e acabar adquirindo unha licenza de TokApp School co fin de comunicarse coa cidadanía: informar sobre eventos festivos, populares, actos públicos… e mesmo entre membros do propio Concello.

O que ofrece esta aplicación móbil é poder dispoñer dun servizo de mensaxería instantánea que permite unha comunicación fluída e directa entre Concello e cidadáns. Permitindo, así, un aforro en custos de papel, tintas de impresoras, material e horas de traballo.

Ademais, outra das vantaxes de TokApp School é que as persoas encargadas de difundir as mensaxes poden realizar envíos coñecendo incluso a data e hora en que foron lidos e solicitar unha resposta aos comunicados se así o requiren.

Por outra banda o Concello de Mos ten acceso exclusivo a unha plataforma web que lle permite xestionar grupos de usuarios, importar de forma automática os datos, programar e enviar mensaxes con caracteres ilimitados e con todo tipo de arquivos adxuntos (fotos, pdf, presentacións, etc.), e dispoñer dun histórico de mensaxes coas súas respostas. Un aspecto innovador que diferencia esta doutras aplicacións do sector da comunicación é que as mensaxes enviadas a través de TokApp School teñen validez legal de Burofax. Así mesmo, a aplicación garante a privacidade dos datos persoais, de modo que non fai falta rexistrarse cun número de teléfono ou, mesmo, dentro da mesma aplicación, existe a opción de desactivar a visibilidade do email e teléfono de forma que só é visible o nome empregado na aplicación de TokApp. Ademais, as mensaxes enviadas a múltiples destinatarios realízanse de maneira privada e as respostas non son visibles a outros usuarios.

Descargar a aplicación é totalmente gratuíto, libre de publicidade e esta dispoñible en linguaxe nativa para Android (Google Play), iPhone (Apple Store) e Windows Phone.

TokkApp School pódese extrapolar a máis contextos e ser usado como un medio ideal para emitir e responder comunicados. Basta con ter computador, tablet ou smartphone para poder estar ao tanto de toda a información do Concello de Mos, e recibila de primeira man e en tempo real.