O Concello de Mos pretende optimizar as dúas vivendas, antigas Casas dos Mestres de Dornelas, e destinar a non habitada a aluguer social

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

Na que se atopa actualmente habitada vive xa unha familia nese mesmo réxime de aluguer. A administración local mosense opta a unha subvención autonómica para realizar as obras de rehabilitación

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que onte pola tarde foi aprobada en Xunta de Goberno Local a solicitude da “subvención para rehabilitar as antigas vivendas de mestres, doutros ofícios e demais edifícios e vivendas de titularidade municipal”, e á que administración local mosense opta para mellorar as antigas Casas dos Mestres en Dornelas.

 

Estas axudas foron convocadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda (publicadas no DOGA número 246, do 29/12/18) que concederá aportacións económicas, en réxime de concorrencia non competitiva para execución de obras de rehabilitación en edificacións e en vivendas de titularidade municipal que garantan o cumprimento dos requisitos básicos de funcionalidade, seguridade, habitabilidade e/ou accesibilidade. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, os honorarios dos profesionais que interveñen, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares. A contía de axuda non poderá superar a cantidade de 40.000 € por vivenda rehabilitada, supoñendo a axuda a percibir o 90% do orzamento protexido das obras.

 

O Concello de Mos presenta para optar a estas axudas o proxecto denominado  “Rehabilitación da Casa dos Mestres  en  Dornelas ” que ten un orzamento total de  44.445 € (IVE incluído), e deberá cofinanciarse polo Concello a parte non subvencionable así como o importe do IVE. O proxecto foi realizado polas arquitectas Estefanía Grandal Leirós e Ludmila Castro Fiorito.

 

No devandito proxecto inclúese a optimización das dúas vivendas de Mestres existentes en Dornelas, unha das cales xa se atopa habitada en réxime de aluguer social. Unha vez melloradas as dúas vivendas, a que actualmente non se atopa habitada será tamén alugada polo Concello en réxime de aluguer social.

 

Os traballos a acometer nestas dúas casas, sitas na parroquia de Dornelas, consistirán na mellora das características construtivas das cubertas dotándoas de illamento térmico para optimizar o confort interior nas vivendas e como medida de eficiencia enerxética. A rehabilitación de ambas cubertas evitará calquera filtración de humidades.

 

Ademais das cubertas, renovarase a rede eléctrica nas dúas vivendas para adaptar a instalación ás necesidades de confort actuais.

 

O Concello de Mos ten a responsabilidade do mantemento e a conservación do patrimonio do municipio, a través da protección e xestión do patrimonio e a conservación e rehabilitación das edificacións, por iso se solicita esta subvención.