O Concello de Mos realiza 300 acometidas domiciliarias de saneamento na parroquia de Louredo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Ditas acometidas xa foron tamén realizadas en Petelos e Mos. A administración local continuará con estes traballos ata completar as dez parroquias mosenses
 
O concelleiro de Saneamento e Abastecemento de Mos, Camilo Augusto, informou hoxe de que o Concello está a acometer estes días os enganches domiciliarios á rede de saneamento na parroquia de Louredo.
 
Tras a realización do enganche ó colector xeral do Louro, agora a administración local mosense está procedendo á conexión á rede dun gran número de vivendas na parroquia de Louredo, zona na que era moi necesaria.
 
Estas acometidas domiciliarias en Louredo comenzaron a executarse no barrio das Cortiñas, continuando por Torroeira, e estando estes días e realizar os traballos en Portela.
 
Augusto, que visitou esta mañá as obras que se están a efectuar na Portela acompañado pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, para comprobar de primeira man a evolución dos traballos, anunciou que “unha vez rematadas as acometidas no barrio de Portela, continuarase acometendo nos demais barrios da parroquia, logrando así converter á de Louredo, nunha das parroquias máis saneadas da localidade mosense”, dixo o edil delegado de Saneamento e Abastecemento. O concelleiro explicou tamén que, “a maiores, estase a realizar unha obra de instalación da rede de alcantarillado nun tramo necesario para poder dar servizo de saneamento ás empresas instaladas na zona de Arrufana; así coma tamén o enganche á rede xeral de saneamento nos barrios de Arrufana e Pantaño, para os que é necesaria a realización dun cruzamento na estrada Nacional 550”.
 
Dende a administración local calcúlase que, entre as obras de acometidas domiciliarias xa efectuadas e as pendentes de realizar, darase servizo de saneamento a un total dunhas 300 vivendas, todas na parroquia de Louredo. Camilo Augusto especificou neste sentido que “o Concello comenzou a instalación de acometidas domiciliarias de saneamento pola parroquia de Petelos, logo fixéronse as correspondentes obras na parroquia de Mos, actualmente estase a traballar en Louredo e continuarase así, sucesivamente, ata acometer as dez parroquias mosenses nas zonas nas que se dispón de servizo de saneamento e, nas zonas nas que non se dispón de dito servizo, estamos a estudiar a forma de poder acometer o maior número posible de vivendas, entre as que se atopan pendentes”, asegurou o edil.