O Concello de Mos recibe ós nenos saharauis que pasan as súas Vacacións en Paz na Louriña

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os cativos participaron no campamento estival Mañás de Verán así como en outras iniciativas organizadas pola administración local

 

Hoxe foron oficialmente recibidos os nenos/as saharauis que pasarán a tempada estival na comarca da Louriña grazas ao programa Vacacións en Paz promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

O acto de benvida, consistente nunha recepción municipal celebrada no Parque da Auga de Sanguiñeda, tivo lugar ás 12.00 horas desta mañá contando coa presencia de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Política Social, Cultura e Turismo, os nenos e nenas saharauis do programa Vacacións en Paz xunto coas súas familias de acollida e demais membros da Corporación Municipal.

Este ano seis familias veciñas da comarca da Louriña acollen a estes cativos no seu seo para que pasen os meses de verán xunto con elas. Catro destas familias son de Mos e as dúas restantes da veciña localidade do Porriño.

 

Dos 6 pequenos dúas son rapazas e catro rapaces, e todos teñen de nove a dez anos de idade. Estes 6 nenos chegaron ás súas residencias estivais na Louriña a principios do pasado mes de xullo, e regresarán ó Sáhara xunto ás súas familias a principios de setembro.

 

Dúas das catro familias mosenses acolledoras destacan pola súa veteranía, posto que unha leva 12 anos recibindo e coidando durante o verán en colaboración co programa Vacacións en Paz a nenos/as saharauis e a outra lévao facendo tamén fai máis de 4 anos xa.

 

O pasado 23 de xullo os/as saharauis que se atopan na comarca da Louriña, na compaña das súas familias de acollida, participaron nunha xornada de convivencia celebrada na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e á que estaban convocados os 326 nenos/as saharauis que están a pasar o verán en Galicia.

 

O Concello de Mos puxo a disposición das familias acolledoras mosenses de xeito totalmente gratuíto a participación dos cativos no campamento estival Mañás de Verán, para que os pais de acollida puideran conciliar fácilmente as súas vidas familiar e laboral.

 

Ademais o Concello organizou o acto oficial de benvida aos cativos saharauis mediante a recepción celebrada esta mañá en Sanguiñeda e, a finais de agosto, dende a administración local mosense realizarase unha nova xornada de convivencia na Piscina ao Aire Libre de San Eleuterio.

 

Asistencia médica

 

Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauis que veñen en acollida durante o verán.

 

Existe un convenio co Sergas polo cal os cativos saharauis recén chegados poden beneficiarse de todo tipo de revisións médicas e se lles poñen as vacinas necesarias e correspondentes ás súas respectivas idades. Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria.

 

Sobre este programa a edil mosense, Sara Cebreiro, declarou esta mañá que “é unha verdadeira sorte poder contar no municipio de Mos con familias que deciden involucrarse nunha causa solidaria coma esta, que trae sorrisos a nenos e nenas que verdadeiramente o necesitan”.