O Concello de Mos recibiu hoxe o permiso de Confederación para retirar os postes de Fenosa e rematar a mellora do acceso a San Eleuterio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

 

  • A administración local informa de que o vindeiro luns, 9 de marzo, reanudaranse as obras
  • A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradece á veciñanza o seu apoio, que motivou a resolución desta problemática

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou de que o Concello ven de recibir hoxe mesmo o permiso da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para retirar os postes de Fenosa que impedían o remate das obras de mellora do acceso a San Eleuterio. A rexedora local mosense anunciou que, unha vez recibida a autorización pertinente, o Concello reanudará os traballos o vindeiro luns, día 9 de marzo.

Arévalo agradeceu así mesmo á veciñanza “o seu apoio, grazas ao que se logrou a satisfactoria resolución desta problemática”, declarou a alcaldesa.

O pasado 13 de febreiro a rexedora local e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras mosense, Camilo Augusto reuníronse xunto cos secretario e xurídico e arquitecto municipais, coa veciñanza da zona afectada para informala e aclararlles diferentes aspectos sobre a demora do remate das obras de mellora do acceso a San Eleuterio,
causada polo retraso do permiso de Confederación Hidrográfica para retirar os postes de Fenosa existentes.

A xuntanza celebrouse nas instalacións do Campo de Fútbol de Cototorrón e da mesma extraeuse o acordo, en consenso cos veciños, de “darlle un mes máis de prazo á Confederación para emitir o permiso”, pois ben, dito prazo cumpriuse grazas ao apoio nesta causa dos veciños e veciñas habitantes da zona afectados pola demora.

Desde o Concello levábase desde o pasado mes de xuño esperando unha resposta de Confederación.

Agora co permiso e a reanudación das obras porase fin á preocupación dos veciños. Ademais a administración local mosense ten retida a partida económica destinada a rematar os traballos, que agora xa poderá executar.

O permiso concedido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e recibido hoxe no Concello autoriza a retirar dous postes de media tensión de Fenosa e soterrar a liña eléctrica no acceso a San Eleuterio, de forma que se poida acometer o asfaltado do vial e rematar así a obra. A eliminación dos devanditos postes é necesaria tanto para poder levar a cabo os traballos de reposición do firme como por seguridade viaria, xa que se trata de elementos que obstaculizan.

A premura deste asunto radica en que esta trátase dunha zona de gran actividade e movemento nos ámbitos residencial, deportivo e educativo, xa que nela se atopan ubicados a Urbanización de San Eleuterio, o Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga e a Escola Infantil A Galiña Azul de Cototorrón.