O Concello de Mos recoñece nunha recepción o exitoso debut en competición do grupo de Danza Coreográfica de Baila-Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade


– Fanse chamar “As Meninas” e adéstraas a campiona mosense de Baile Deportivo, Patricia Martínez
– O grupo está composto por 6 bailarinas que compiten na categoría Junior Territorial Iniciados

Esta tarde celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción ao grupo de baile mosense, Baila-Mos, na que estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e membros da Corporación Municipal.

As 6 compoñentes do grupo “As Meninas” de Baila-Mos estiveron acompañadas pola súa adestradora, Patricia Martínez.

O Club Baila-Mos que dirixe e adestra a campiona mosense do Baile Deportivo, Patricia Martínez, participou o domingo 17 de marzo nunha competición puntuable para o ranking nacional que se celebrou na Estrada.
Nela estreouse o primeiro grupo da modalidade de Danza Coreográfica do Club Baila-Mos, composto por Ainara Rodríguez, Sara Requejo, Noa Pintos, Shaila Pintos, Elena Gamallo e Eva Calvar.
As 6 compoñentes forman o grupo “As Meninas” e compiten na modalidade Danza Coreográfica, categoría Junior Territorial Iniciados. A súa estrea foi todo un éxito, pois na súa primeira competición conseguiron o 2° posto contra a Absoluta Territorial, e o 1° posto na súa categoría, Junior.
Patricia Martínez declarouse como adestradora súa “súper orgullosa de ‘As Meninas’, de todo o traballo que fixeron no último ano e sobre todo contenta de que probasen o fantástico mundo da competición”.
En Modalidade de Baile Deportivo competiron as parellas formadas por
Iago Antepazo e Tamara Carreira que conseguiron o 1° posto en Standard e 2° posto en Latinos. Maximino Remiseiro e Alicia Chaves 1° posto en Standard e Latinos. Ramón Pérez e Rosa Schwarz 1°posto en Latinos. Cada un nas súas correspondentes categorías de idade.
Martínez, como Técnica responsable do Club Baila-Mos xunto co seu compañeiro Adrián Esperón, quixo “darlles os parabéns a todos os que o día 17 de marzo participaron na Estrada e lanzarlles unha mensaxe: non hai premio sen esforzo, non hai recompensa se non te sacrificas, non hai vitoria sen loita”.