O Concello de Mos retoma a obra do acceso a San Eleuterio

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade, Obras

  • A interrupción dos traballos produciuse nun primeiro momento polo retraso do permiso de Confederación e, a continuación, polo estado de alarma derivado da crise sanitaria do COVID-19
  • Á boa nova da reanudación das obras de mellora do acceso tras a demora, súmaselle a de que acaba de ser concedida unha subvención do Plan Concellos de 36.000 euros para o acondicionamento do aparcadoiro na Urbanización de San Eleuterio

 

A zona de San Eleuterio, na parroquia mosense de Tameiga, está estes días de noraboa porque á reanudación dos traballos na obra de mellora do vial de acceso súmaselle agora a boa nova de que foille concedida ao Concello de Mos unha subvención do Plan Concellos deste ano para acondicionar o estacionamento da Urbanización.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e Concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron hoxe de ambos aspectos tan positivos para San Eleuterio.

O Concello recibiu o pasado 4 de marzo, días antes de que se declarase o estado de alarma pola pandemia do COVID-19, o permiso da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para retirar os postes de Fenosa que impedían o remate das obras de mellora do acceso a San Eleuterio, que se financian grazas a unha axuda do Plan Concellos do ano pasado. Neste proceso foi vital o apoio da veciñanza da zona, grazas ao que se logrou a satisfactoria resolución da problemática xerada a raíz da demora do permiso da Confederación Hidrográfica.

A demora do remate das obras de mellora do acceso a San Eleuterio,
causada polo retraso do permiso de Confederación Hidrográfica para retirar os postes de Fenosa existentes e pola crise do COVID, é por fin auga pasada e agora co permiso e a reanudación das obras porase fin á preocupación dos veciños. Ademais a administración local mosense tiña retida a partida económica destinada a rematar os traballos.

O permiso concedido pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil autorizou a retirar dous postes de media tensión de Fenosa e soterrar a liña eléctrica no acceso a San Eleuterio, de forma que se pode xa acometer o asfaltado do vial e rematar así a obra. A eliminación dos devanditos postes era necesaria tanto para poder levar a cabo os traballos de reposición do firme como por seguridade viaria, xa que se trataba de elementos que obstaculizaban.

A de San Eleuterio trátase dunha zona de gran actividade e movemento nos ámbitos residencial, deportivo e educativo, xa que nela se atopan ubicados a Urbanización de San Eleuterio, o Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga e a Escola Infantil A Galiña Azul de Cototorrón.

Os veciños da Urbanización teñen ademais un motivo máis de satisfacción ao terse xa confirmado a concesión de subvención para o acondicionamento da parcela municipal para estacionamento no lugar. A devandita parcela conta cunha superficie aproximada de 346 metros cadrados e actuarase nela acometendo muros de cachotería de granito e cimentación a base de formigón.

O prazo de execución desta obra é dun mes e conta cun orzamento de execución por contrata de 36.000 euros.