O Concello de Mos xestiona as axudas municipais para comedor e material escolar, e actividades extraescolares do presente curso 2019-2020

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

161 familias con fillos que cursan segunda etapa de Educación Infantil e/ou calquera curso de Primaria beneficiaranse das mesmas

O Concello de Mos apoia á comunidade escolar mosense, tanto aos nenos e nenas coma ás súas familias. A administración local mosense está a tramitar a concesión dunha serie de axudas relativas ao curso 2019/2020, tendo xa finalizado o prazo de solicitude. Trátase das subvencións para o uso do servizo de comedor escolar, para a realización de actividades extraescolares e para a adquisición de material escolar, que están dotadas dunha partida orzamentaria anual de 16.000 euros, tal e como hoxe informaba a concelleira de Política Social e Igualdade mosense, Sara Cebreiro.

En total no presente curso beneficiaranse destas tres axudas 161 nenos e nenas, 20 máis que no curso 2018-2019 (que foron 141) e 73 máis que no curso 2017-2018 (que foron 88 nenos e nenas).

Das 161 axudas, 68 serán para material escolar, 53 para servizo de comedor e 40 para realización de actividades extraescolares. Precisamente estas últimas, as axudas para actividades extraescolares, foron as que máis se incrementaron respecto dos cursos pasados; pasando de 12 no curso 2017-2018 a 24 no curso 2018-2019 e a 40 no actual curso 2019-2020. O motivo do incremento é únicamente a maior demanda das mesmas.

Estas subvencións van dirixidas ás familias do alumnado de segunda etapa de Educación Infantil e tódolos cursos de Educación Primaria. Son axudas anuais que o Concello de Mos saca para as familias do alumnado, de Educación Infantil e Primaria dirixidas á compra de material escolar, considerado este como aquel necesario para realizar as actividades que se desenvolvan ou se promovan no centro docente, como cadernos de soporte, material de papelería non reutilizable ou material de manualidades, excluíndo expresamente os libros de texto que sexan  subvencionados ou cedidos por outras administracións; para a utilización do servizo de comedor e para a realización de calquera actividade extraescolar que se imparta nos centros educativos e que teña un custe (xa que as que organiza o Concello en colaboración coas ANPAs son totalmente gratuítas para os usuarios e consisten en clases de Fútbol Sala, Baloncesto, Balonmano e Multideporte).

Para a concesión destas axudas valoráronse os ingresos das familias. Os ingresos económicos que se computan para a puntuación á hora de optar a estas axudas son os dos seis primeiros meses do ano 2018. Para a concesión das mesmas tense en conta o número de membros e a renda per cápita da familia, partindo do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).

A concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, declárase “satisfeita destas tres axudas municipais implantadas pola administración local para apoiar ás familias e asegurar que ningún cativo quede sen poder ir ao comedor escolar ou a actividades extraescolares por motivos económicos familiares; e por suposto que ningunha familia se vexa imposibilitada económicamente á hora de mercarlle o material escolar aos seus fillos/as”. Deste xeito o goberno local mosense segue a consolidar o seu apoio ás familias axudando á conciliación da vida familiar e laboral, e a demostrar que é o goberno das persoas.

Actividades extraescolares gratuítas

Ademais de subvencionar calquera actividade extraescolar que se imparta nos centros educativos de educación Infantil e Primaria e que teña un custe, o Concello de Mos organiza en colaboración coas ANPAs dos colexios de Mos varias actividades totalmente gratuítas.

As actividades extraescolares de balde para as familias, ofertadas polo Concello en colaboración coas ANPAs, son clases de Fútbol Sala, Baloncesto, Balonmano e Multideporte; que se imparten nas instalacións dos respectivos centros educativos.

A administración local mosense leva unha década promovendo esta iniciativa que comezou concretamente no curso 2010-2011 e hoxe é xa toda unha tradición; e pilar fundamental para a concienciación da vida familiar e laboral dos pais e nais mosenses.

As catro actividades extraescolares ofertadas son xestionadas polas ANPAS (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos/as) nos Centros de Educación Infantil e Primaria do municipio.

A disciplina de Fútbol Sala organizouse por primeira vez no curso escolar 2017-2018, e celebrouse unha Liga Escolar na que competiron entre sí os equipos dos 5 CEIPs públicos da localidade mosense: Atín, Mestre Martínez Alonso, Mestre Valverde Maio, Pena de Francia e Petelos. Este curso mantense a disciplina e organizarase de novo a devandita Interliga entre os cinco colexios.

Para impartir as actividades de Fútbol Sala e Multideporte o Concello de Mos ten asinados sendos convenios coa Unión Deportiva Mos, que destina un total de 14 monitores deportivos para levar a cabo as clases, e co Club Louro Tameiga. De impartir as clases de Baloncesto encárgase o Porriño Baloncesto Base. E por outra banda as clases de Balonmano son impartidas polo Club de Balonmano Porriño, que destina ás mesmas 4 monitores/as.