O Concello denuncia que a Deputación subvencione un acto político en Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

  • A administración provincial figura como patrocinador no cartel dun festival no que se acusa á administración local mosense de corrupta por pelotazo urbanístico
  • Dende o Concello esíxenselles responsabilidades, e as pertinentes explicacións, á presidenta Carmela Silva e á deputada mosense Victoria Alonso

 

A través deste comunicado o Concello de Mos lamenta profundamente a participación, promoción e patrocinio por parte dunha administración pública como é a Deputación Provincial de Pontevedra dun acto político no que se acusa a esta administración local de pelotazo urbanístico e de ser un Concello corrupto.

A Deputación figura como colaboradora no cartel do festival celebrado o pasado sábado 16 de novembro na Sala O Rebullón do Centro Social As Pedriñas de Tameiga, organizado pola plataforma A Auga é Vida co fin, supostamente, de financiar as alegacións contra a modificación puntual do PXOM mosense.

Baixo o título de “Paremos o pelotazo” actuaron os grupos Residuos Atractivas, Os Putos e O Coro do Exército Froilanista, destinando o importe da entrada, según declaraban textualmente dende a plataforma “íntegramente a sufragar os gastos desta loita veciñal contra o pelotazo urbanístico”. As entradas foron cobradas a 6 euros anticipada e a 8 euros en taquilla.

O Concello de Mos denuncia públicamente que é un feito denunciable que unha administración pública apoie e financie actos políticos nos que se acusa de delitos non probados a outra administración pública como é, neste caso, a administración local mosense: o Concello de Mos.

É por elo que se lle esixe aos representantes da Deputación de Pontevedra, concretamente á súa presidenta, Dna. Carmela Silva, e á deputada mosense, Dna. Victoria Alonso, responsabilidades respecto deste feito grave. Así como que dean públicamente as explicacións pertinentes sobre este caso.