O Concello esteriliza a segunda colonia máis numerosa de gatos abandoados en Mos tras facelo coa primeira

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

No municipio existen un total de 8 colonias de felinos que suman un total de 84 animais beneficiarios desta campaña de concienciación

A campaña mosense de concienciación sobre as colonias de gatos abandoados esterilizará a segunda colonia de felinos, tras facelo cunha de 14 gatos que se atopa en Petelos. A colonia que se esterilizará agora, como así o informou hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, está integrada por 11 gatos que habitan na zona de Bosende-Tameiga.

No Concello de Mos existen un total de 84 gatos abandoados contabilizados polo departamento municipal de Medio Ambiente, que se reparten nun total de 8 colonias. A colonia máis numerosa é a que xa se atopa esterilizada en Petelos e na que hai 14 gatos. Logo atópase a de Torroso, integrada por 20 gatos, seguida das de Bosende-Tameiga (11 gatos), San Antoíño-Louredo (11 gatos tamén); e as de Casal Vello-Tameiga con 10 gatos, Regueira do Forno-Cela con 7 gatos, Pazo-Tameiga con 6 gatos, e Cemiterio de Mos con 5 gatos.

Para os labores de esterilización súmase como clínica colaboradora o Centro Veterinario Val da Louriña Ars Canis, que se atopa ubicado en Peinador.

Co obxectivo de recaudar fondos para a campaña o pasado día 13 de xuño, durante os actos centrais da Festa da Rosa, vendéronse chapas ao prezo simbólico dun euro; acción que se repetirá o vindeiro domingo, 18 de xuño, durante o Festival Canto Conto que se celebrará no Pazo de Mos.

Dende a concellería de Medio Ambiente que dirixe a edil Julia Loureiro, e en colaboración coas protectoras Lena, Refugio de Noé e Colonias Canguesas, e outros particulares voluntarios, púxose en marcha a principios de 2017 esta campaña de control de colonias de gatos sen dono na rúa baixo o lema ‘Ti decides, esteriliza’.

Os obxectivos desta campaña son a recollida de alimentos e produtos de coidado, a esterilización, adopción e acollida temporal dos gatos das colonias existentes en Mos.

A iniciativa inclúe unha parte de sensibilización mediante o reparto de dípticos informativos. A concelleira Loureiro explicou que “esta campaña consiste fundamentalmente en tratar de concienciar á cidadanía sobre as colonias de gatos abandoados e da necesidade de esterilizalos e alimentalos para que vivan nunhas condicións óptimas e salubres e para ter as colonias controladas, sen que aumente o número de membros nin se formen outras novas”.

Todo isto implica uns gastos que son financiados parcialmente polo Concello de Mos, mentres que a parte do alimento espera cubrirse mediante as doazóns. Tamén se intenta captar a voluntarios que colaboren en adopcións e/ou axuden a fomentalas en aras de que as colonias se vaian reducindo. Outra posibilidade son as casas de acollida, isto é, persoas interesadas en coidar aos gatos mentres non son adoptados definitivamente.

Loureiro destacou que a idea desta iniciativa xurdiu dun grupo de voluntarios de Mos e arredores, algún deles pertencentes a algunhas das protectoras anteriormente mencionadas.

Dentro desta campaña xa se repartiron folletos informativos en todos os centros escolares do municipio e instalouse un recipiente en cada colexio no que os interesados en doar alimento para gatos puideran depositar a súa contribución. Ademais de colaborar con aportacións de alimento os escolares e as súas familias que así o desexen poden apoiar esta campaña doutros xeitos tales coma: facéndose fogar de acollida, adoptando un gatiño e/ou colaborando como voluntarios/as.

Loureiro aproveitou tamén para comunicar que xa existen varios establecementos comerciais colaboradores coa campaña onde se pode doar alimento para gatos como son Agro Campo, Almacéns Celso, Bar Maceira, Agrícola Rías Baixas e Librería Arco da Vella; e animou a colaborar a todos os establecementos interesados que así o desexen, e que para facelo só teñen que poñerse en contacto telefónicamente co departamento de Medio Ambiente no teléfono 986 09 70 37.

Nos puntos de recollida de alimentos tamén se pode depositar para a súa doazón calquera outro produto para o coidado dos felinos (tales coma pipetas, etc.).