O Concello leva o xadrez ás aulas para optimizar os procesos de aprendizaxe

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A iniciativa, impartida polo Club de Xadrez Mos, vai dirixida aos alumnos de primeiro e segundo de Primaria, que hoxe recibiron a visita da alcaldesa e o concelleiro de Educación

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Educación, Camilo Augusto, compartiron hoxe cos alumnos/as de primeiro curso de Primaria do colexio de Atín o obradoiro de xadrez, impartido polo Club de Xadrez Mos e organizado polo Concello de Mos, dentro da programación para os centros educativos do municipio en horario escolar. Tratouse da última sesión desta actividade durante este curso, que comezou o pasado 11 de marzo, e da que se beneficiaron durante un mes un total de 201 alumnos e alumnas de primeiro e segundo cursos de Primaria dos Colexios Mestre Martínez Alonso, Pena de Francia, Petelos, Mestre Valverde Maio e Atín. Esta actividade organízase por cuarto ano consecutivo.
Ao longo dun mes, os alumnos/ as de primeiro e segundo de Primaria recibiron 5 sesións de introdución ao xadrez. Nelas descubriron o taboleiro, as pezas e os seus movementos, así como a normativa básica para poder gozar dunha partida de xadrez.
O encargado de impartir a actividade, Brais Otero Nogueira, adestrador e Tesoureiro do Club Xadrez Mos, declaraba sobre a mesma que “é para min un pracer inmenso escoitar a eses nenos e nenas cada semana: xoguei unha partida coa miña nai, co meu avó, co meu amigo, coa miña veciña! É de moito agrado ver a ilusión coa que acollen a nosa paixón. Seguro, na gran maioría de fogares do noso Concello hai un taboleiro escondido nalgún recuncho, e grazas á ilusión destes novos xadrecistas, todos eses taboleiros recuperáronse. Sen dúbida, é a maneira de arraigar o xadrez no noso Concello, espertando o interese dos máis pequenos. Por iso, para o Club Xadrez Mos é un orgullo realizar esta actividade cada ano. É a mellor maneira de sementar a semente da nosa paixón, o xadrez, entre os veciños e veciñas de Mos. Agradecer infinitamente ao Concello e Centros Educativos a súa predisposición e total apoio para realizar levar a cabo a actividade. E por suposto, a eses futuros xadrecistas pola súa ilusión, que sen dúbida nos recarga as pilas para seguir traballando e promocionando o xadrez no noso Concello”.
O xadrez, grazas as súas características lúdicas e intelectuais, é un recurso pedagóxico apropiado para axudar a que nenos e nenas desenvolvan múltiples habilidades mentais que, sen dúbida, optimizarán os seus procesos de aprendizaxe: analizar e sintetizar, concentrarse, memorizar, solucionar e tomar decisións baixo presión, desenvolver a creatividade e a imaxinación, razoar dunha forma lóxica-matemática, e programar. Tamén se lles ensina a revaliar o seu plan cando novas realidades cambian a situación orixinal.
Estes beneficios, foron apoiados por diferentes investigacións educativas. Realizáronse estudios en varias localidades de Estados Unidos e Canadá, que mostran que o xadrez consegue incrementar a puntuación de exames estándar tanto en lingua coma en matemáticas. Os estudos realizados en Estados Unidos, mostraron que o xadrez consegue maiores puntuacións nos tests “Watson Glaser” para a avaliación do pensamento crítico e no test de “Torrance” para o pensamento creativo.
Ademais dos beneficios relacionados co “mundo científico”, nas escolas, o xadrez axuda a construír lazos de amizade e ensina deportividade: como gañar con elegancia e a non virse abaixo ao afrontarse á derrota.
Para os nenos con problemas de axuste emocional, hai moitos exemplos onde a xadrez consigue aumentar a motivación, mellorar o carácter, a propia imaxe, e incluso a capacidade de atención. Para os nenos e nenas con TDAH, aumenta o grado de concentración e memoria, e favorece o adestramento en atención para aqueles nenos e nenas diagnosticados/as.
Soamente, esta calidade comprobada do xadrez, xustifica o intento de engadilo dentro da aula e facelo accesible a todos e todas os alumnos e as alumnas a partir dos primeiros anos.
Por todo isto, os representantes municipais Arévalo e Augusto declararon na súa visita ao CEIP de Atín que “poñer o xadrez ao servizo da educación non só ten a finalidade de desenvolver a arte de pensar, senón tamén cultivar valores”.
Existe un estudio piloto sobre os beneficios do xadrez na escola como recurso educativo, demostrando que favorece a optimización dos procesos mentais (atención, memoria e procesamentos) implicados no aprendizaxe.