O Concello mosense homenaxea á U.D. Mos-B polo seu título de Liga

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O equipo proclamouse campión tras resultar invicto nos 26 encontros dos que consta a competición, sendo o único da Federación Galega que acadou tal hito

 

Esta tarde celebrouse no Concello de Mos unha recepción que dende a administración local se lle organizou ó equipo de fútbol Unión Deportiva Mos-B en recoñecemento por ter gañado o título de Liga 3ª Rexional 2013.

 

Como non podía ser doutro xeito, no acto estiveron presentes xogadores, equipo técnico e presidente da U.D. Mos-B, a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo e o concelleiro de Deportes, Isidoro Táboas; acompañados de varios membros máis da Corporación Municipal.

 

A Unión Deportiva Mos-B proclamouse campiona de Liga o día 21 de abril, data na que rematou a competición e na que disputaron o derradeiro partido da mesma contra o Covelo Club de Fútbol no campo rival, onde obtiveron a victoria cun resultado de 1-5. O campionato de Liga 3ª Rexional consta dun total de 26 xornadas.

 

Das 39 ligas das que consta a Federación Galega de Fútbol dende 3ª División a 3ª Rexional (nas que compiten xogadores de 18 anos en diante), cada unha delas cunha media de 16 equipos por liga, a U.D. Mos-B foi o único equipo que non perdeu ningún dos partidos da competición.

 

Compre destacar a xuventude de tódolos xogadores da Unión Deportiva Mos-B, con idades comprendidas entre os 18 e os 24 anos. Este equipo está integrado por 25 membros, todos eles mosenses, 22 xogadores e tres técnicos.

 

Rexedora local e edil de Deportes felicitaron a estes 25 mozos polas hazañas de ter gañado a Liga e sobre todo de facelo resultando invictos ó longo dos 26 partidos disputados. “Sodes un orgullo para este Concello e con este título demostrades que Mos segue a ser berce de grandes deportistas”, trasladoulles Arévalo ós campións, mentres que o concelleiro Isidoro Táboas expresou que “estes xoves e o logro que teñen conseguido gracias ó seu esforzo deben servir de exemplo de superación para toda a mocidade mosense”. Así pois os representantes municipais animaron a xogadores e equipo técnico a continuar traballando de igual modo de cara á vindeira tempada para repetir tan óptimos resultados e que Mos siga a dar exemplo deportivo, como xa leva facendo dende fai anos.