O Concello organízalle unha recepción a Xiramos polo segundo posto no Trofeo Don Quijote

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A agrupación mosense de patinaxe logrou a prata coa coreografía “Dentro del tiempo”

Os 14 rapaces integrantes do grupo “Dentro del tiempo” do club mosense de patinaxe Xiramos foron recibidos esta tarde no salón de sesións do Concello de Mos en recoñecemento polo segundo posto acadado no Trofeo Don Quijote. Os patinadores estiveron acompañados por Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Baldomero Lorenzo, concelleiro de Deportes de Mos, e demais membros da Corporación Municipal.

O pasado 6 de abril, sábado, os rapaces da agrupación mosense de patinaxe Xiramos participaron no II Trofeo Don Quijote en Santa Cruz de la Zarza (Toledo) con tres grupos: “Welcome”, “Miradas en la noche” e “Dentro del tiempo”. Foi con este último co que obtiveron o segundo posto na súa categoría.
Este trofeo trátase dunha competición promocional de exhibición e o grupo da coreografía “Dentro del tiempo” acadou a medalla de prata na categoría de Grupo Grande Promocional.
Os integrantes da coreografía “Dentro del tiempo” son un total de 14 mozos, 11 nenas e 3 nenos, con idades comprendidas entre os 13 e os 18 anos; que lograron, con este segundo posto en Toledo, o seu primeiro podio.
Tras este logro deportivo xa participaron en novas citas de competición. O sábado 13 de abril fixérono no Trofeo Internacional de Vigo, e o 27 de abril farano no Trofeo Condado de Salvaterra. O primeiro sábado do vindeiro mes de maio participarán no Trofeo Cid Campeador en Burgos.
A Agrupación de Patinaxe Xiramos, que preside Beatriz Rodríguez Álvarez e que foi fundada no ano 2012, está integrada por un total de 27 patinadores e patinadoras de entre 11 e 18 anos de idade. Adestran dous días por semana en instalacións deportivas municipais, concretamente os martes no Pavillón Patricia Martínez e os venres no Pavillón Óscar Pereiro.