O conselleiro Román Rodríguez visita as parroquias de Torroso e Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Interesouse polas necesidades da Escola de Música de Mos e da Banda Xuvenil de Torroso e reiterou a colaboración da Xunta co Festival O Son do Pazo e coa Fundación Pazo de Mos

 

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe xunto ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, -e demais membros do equipo de goberno local- o Centro Dotacional de Torroso, que alberga a Escola de Música de Mos. Alí mantivo un encontro con membros da Banda Xuvenil de Torroso e da antedita Escola de Música, co obxectivo de coñecer as súas necesidades e seguir estreitando a colaboración con estas agrupacións.

Así, no marco deste impulso á cultura musical da localidade, o conselleiro reiterou a colaboración da Xunta de Galicia co Festival Intercéltico O Son do Pazo, que se celebra cada ano nas inmediacións do Pazo de Mos. Trátase dunha das citas máis destacadas do panorama folk que reúne a gran variedade de estilos da música galega, e que contará cunha achega económica por parte da Administración autonómica superior aos 7.000 euros.

A alcaldesa agradeceu, así mesmo, que tamén se manteña a colaboración coa Fundación do Pazo de Mos para a realización de diversas actividades culturais. Así mesmo, lembrou que a Xunta asinará un convenio de colaboración coa Fundación para acondicionar o edificio por importe de 30.000 euros.