O Consorcio de Augas do Louro amplía ata o 31 de decembro de 2014 o prazo para solicitar a instalación de contadores nas vivendas que non dispoñan del

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O Comité Directivo do Consorcio aprobou ademais conceder o fraccionamento do pagamento da súa instalación.

O Comité Directivo do Consorcio de Augas do Louro, a solicitude dos alcaldes dos concellos consorciados, aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal vixente para ampliar, ata finais deste ano, o prazo do que dispoñen os abonados para solicitar a instalación e precintado de contadores naquelas vivendas que non o teñan xa instalado.

Deste xeito, o Consorcio pretende facilitar aos abonados a presentación das solicitudes, ao tempo que disporá de mais tempo para a súa tramitación, ante a elevada demanda rexistrada durante as pasadas semanas, especialmente nas oficinas de O Porriño.

Ademais, o Consorcio informa de que xa está operativo o número de teléfono 900 810 103 de atención telefónica, prestando o servizo de atención para avarías e de información sobre calquera trámite que se desexe realizar, de xeito que os abonados eviten desprazarse ata as oficinas innecesariamente.

En canto ó fraccionamento do pagamento pola instalación de contadores, o Consorcio contempla a posibilidade de facelo en tres prazos, para o cal será necesario presentar a correspondente solicitude nas súas oficinas.