O convenio entre Concello, Deputación e Confederación Hidrográfica para a reparación do paseo do Louro xa é unha realidade

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Na obra, que non terá custe económico para Mos, investirase preto dun millón de euros

Mos xa ten asinado o convenio de preto dun millón de euros para a rehabilitación do Sendeiro Ecolóxico do Río Louro, tal e como anunciaron Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra; e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, nun acto no que tamén estivo presente a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo. O convenio para a mellora da marxe do Louro, destinado ó mantemento e conservación da mesma, financiará as obras de acondicionamento cunha cantidade exacta de 950.000 euros. Ditas obras, segundo informou hoxe a rexedora local, consistirán na acometida das proteccións necesarias do cauce para evitar a erosión ocasionada polas crecidas e na reparación total da senda fluvial.

E é que as deficiencias existentes nas primeira e segunda fases do sendeiro producidas polas crecidas do cauce do río e polas inclemencias meteorolóxicas, eran notables, polo que a Confederación Hidrográfica comprometeuse no seu día co Concello de Mos a redactar o proxecto dos traballos necesarios para a reparación do paseo, e agora, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, farase cargo da acometida de dita obra que contemplará tamén a realización dunha limpeza do cauce do río e da maleza ó longo de todo o paseo.

O proxecto de recuperación será financiado nun 80% pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil a través dos Fondos Europeos Feder, e no 20% restante pola Deputación de Pontevedra; supoñendo esta obra un custe cero para o Concello de Mos. A inversión total será, como xa se dixo, de 950.000 euros: 760.000 a aportar pola Confederación Hidrográfica do Miño e 190.000 euros pola Deputación. Ademais a Deputación aportará 57.000 euros de gastos financieros, o que fai unha aportación total da administración provincial de 247.000 euros.

Deterioro do paseo do Louro

As crecidas do río arrastraron a pavimentación e deixaron impracticable o paseo fluvial, e provocaron o derrumbe e socavación das orillas en diversos tramos do río. Neste sentido o obxectivo que se persegue con esta obra no Sendeiro do Río Louro, segundo declaraba esta mañá Nidia Arévalo, é “unha solución definitiva para este paseo, que o manteña en bo estado a longo prazo e non requira de reparacións constantes por mor dos desperfectos ocasionados cada vez que se producen condicións meteorolóxicas adversas”, dixo a alcaldesa.

Para elo o proxecto de recuperación contempla a instalación dunha superficie sólida no firme do sendeiro que sexa resistente ante as posibles crecidas do río e as inclemencias do tempo, así como a mellora de tódolos parques existentes ó longo do paseo, e a reposición dos valados actuais por uns novos. Tamén cómpre a reposición do mobiliario como por exemplo bancos, onde fagan falta; e tamén habería que reconstruír varios muros.

Dende a Confederación Hidrográfica, concretamente o xefe de área, Ignacio Maestro, propón como posible solución ó problema dos desbordamentos durante as crecidas de caudal a posiblidade de ensanchamento e ampliación da ponte que se atopa no punto de confluencia entre a primeira fase e a segunda fase do sendeiro. No caso dos muros privados de contención caídos, a Confederación recomenda a posibilidade de tamizalos para evitar que os propietarios das fincas anexas ó río continúen a perder o terreo que vai sendo invadido polo cauce.

E no caso do firme do sendeiro, dende o Concello considérase que o material necesario para a súa óptima conservación no tempo podería ser un árido estabilizado, similar ó formigón, que aguantaría en bo estado a longo prazo e se evitarían con el futuras reparacións constantes.

O Sendeiro Ecolóxico do Río Louro ten unha lonxitude total, entre a primeira e a segunda fases acometidas, 2 kilómetros 700 metros, con anchuras ó longo de todo o paseo que oscilan entre os 2,30 e os 2,50 metros.