O grupo DanzaMos de San Rafael de Pereiras, segundo no concurso nacional AnaProde

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os seus integrantes e adestradores foron protagonistas hoxe dunha recepción organizada polo Concello na súa honra

Esta tarde celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a recepción ao grupo de baile mosense, DanzaMos, na que estiveron presentes a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e membros da Corporación Municipal.

Os 8 compoñentes do grupo de baile DanzaMos da A.V.V. San Rafael de Pereiras estiveron acompañados polos seus adestradores, Antía Caride e Julio Vizcaíno.

Os bailaríns de DanzaMos teñen idades comprendidas entre os 11 e os 14 anos, e participaron o sábado 23 de marzo no concurso nacional AnaProde e quedaron nun segundo posto entre 17 grupos de baile na categoría Amateur 1 na modalidade de “Fusión”.

A adestradora Antía Caride explicaba esta tarde que “algúns dos nenos e nenas levan connosco na A.V.V. de San Rafael ao redor de 5 anos e outros tan só uns meses. A actividade de Danza Moderna na A.V.V. San Rafael comezou como unha actividade extraescolar máis onde os nenos e nenas viñan divertirse e bailar, sen máis compromiso. Levamos impartindo clases no local social de San Rafael máis de 5 anos e sempre contamos coa axuda da directiva do Centro Social. Nada máis empezar bautizamos ao pequeno grupo de nenas e nenas que tiñamos co nome DanzaMos”, di Caride orgullosa. “Considerabamos”, continuou narrando, “que para o grupo era bo ter un nome a pesar de que as únicas actuacións que facían eran no local social onde ensaiaban. Aproveitabamos a celebración da Virxe de Fátima que realizaba a asociación para poder mostrar as coreografías que aprendían os nenos e as nenas durante o curso. Comezamos con 5 nenas do propio barrio de San Rafael pero, cos anos empezamos a recibir a participación de nenos e nenas de todas as zonas próximas a Mos (Salceda, Tui, Porriño…). Non foi ata Setembro deste ano que nos plantexamos a idea de considerar ao noso pequeno grupo de baile como un grupo de competición oficial e empezar a tomarnos a actividade como algo serio. O grupo estaba nunha idade complicada (13-14 anos) e os nenos e as nenas entraban e saían constantemente sen conseguir un grupo comprometido e uniforme a nivel artístico pero, en Setembro-Outubro, coa incorporación de 2 novas nenas, vimos que o grupo crecía en nivel a pasos axigantados e decidimos embarcarnos na aventura de participar no Concurso Nacional AnaProde onde a primeira fase realizábase en Santiago de Compostela”.
DanzaMos defínese como un grupo humilde. Para poder participar no concurso contaron coa gran axuda da A.V.V. de San Rafael e grazas ao seu traballo duro lograron reunir o diñeiro para poder participar.
Aínda que este ano non poden permitirse a participación en máis concursos, xa teñen en mente algúns proxectos recaudativos para poder participar o ano que vén nun concurso en Madrid.
Como grupo de baile oficial a súa traxectoria é de aproximadamente medio ano, polo que se sinten moi orgullosos de ter conseguido un segundo premio na primeira fase do nacional de AnaProde a pesar de quedar ás portas da Gran final en Tarragona.
Ademais actualmente teñen en marcha outro grupo de nenas e nenos de entre 5 e 7 anos ás que bautizaron provisionalmente como “MiniDanzaMos”. E teñen en mente abrir para o ano que ven outro grupo de baile de iniciación para nenos e nenas de entre 11 e 14 anos xa que reciben moitas solicitudes de nenos e nenas para entrar no grupo de DanzaMos.