O grupo de pandereteiras “Lagharteiras” presenta en Torroso o seu primeiro disco

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O acto celebrarase o domingo pola tarde no Centro Dotacional de dita parroquia e hoxe terá lugar o ensaio xeral

 

Dende a concellería de Cultura mosense que dirixe a edil Sara Cebreiro anunciuose hoxe que o vindeiro domingo, día 1 de febreiro, o grupo de pandereteiras “Lagharteiras” presentará o seu primeiro disco no auditorio do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso ás 18.00 horas da tarde.

 

As “Lagharteiras” veñen de gravar e publicar o seu primeiro CD, o cal recolle unha parte importante de todo o traballo realizado dende a súa formación. O ensaio xeral do concerto que acompañará ó acto de presentación do disco realizarano hoxe ás 21.30 horas.

 

O grupo de pandereteiras “Lagharteiras” nace no ano 2007 co obxectivo de compilar, conservar e divulgar as músicas, cantos, instrumentos e vestiario tradicional galego. No ano 2010 o grupo constitúese como Asociación Cultural Folclórica “As Lagharteiras”, proseguindo á ampliación dos seus obxectivos, impartindo aulas de escola e fomentando e promovendo un futuro máis sólido no eido cultural no que traballan. É neste mesmo ano no que a asociación asenta o seu domicilio no Concello de Mos e pasa a formar parte do Rexistro de Asociacións de dito Concello. Dende ese momento establécese unha forte relación de apoio e colaboración.

 

As “Lagharteiras” son mulleres cunha ampla traxectoria no eido da música tradicional, que aúnan os seus coñecementos para afrontar un novo proxecto encamiñado a dignificar e dar o valor que lle é de seu ó patrimonio cultural galego.

 

O grupo ten como obxectivo principal afondar nas raíces da música e da cultura tradicionais galegas para extraer o legado cultural que durante séculos e xeracións foise transmitindo ata chegar ós nosos días, e cuxo obxectivo final vai encamiñado á divulgación dese traballo mantendo a autenticidade e orixinalidade das recollidas de campo que realizaron durante anos de investigación.