O Grupo de Teatro en Igualdade de Mos comeza nova tempada de ensaios aberto a novas incorporacións ao elenco

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Todos aqueles homes e mulleres maiores de 18 anos que así o desexen poden participar nesta actividade que se imparte os mércores e venres de 10:00 horas a 12:00 horas no Multiusos

 

O Grupo de Teatro en Igualdade de Mos comezou a súa andaina no ano 2011 a través dun curso organizado polo Concello, logo de todos estes anos de éxitos e, tras un parón o pasado mes de agosto por descanso, as súas integrantes volven comezar os seus ensaios animando a todos aqueles homes e mulleres maiores de 18 anos que así o desexen a participar nesta actividade subvencionada pola Concellería de Igualdade e polo Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra.

 

As persoas interesadas nesta actividade poden obter máis información sobre a mesma chamando ao teléfono 986331200. Os horarios de ensaios son os mércores e venres de 10:00 horas a 12:00 horas no auditorio do edificio Multiusos das Pozas.

 

Se algunha persoa está interesada en pasar a formar parte do grupo pode inscribirse para comezar a participar nos ensaios, xa que esta agrupación está aberta a todos aqueles que desexen participar.

As mulleres integrantes no Grupo de Teatro en Igualdade de Mos destacan da súa actividade teatral que dende que se iniciaron no teatro moitas puideron superar complexos, outras sacar forzas para solucionar problemas familiares ou atopar momentos de evasión. Todas coinciden ó afirmar que para elas “o teatro é unha terapia”. E é que todas elas teñen familiares ao seu cargo e, segundo elas mesmas afirman, durante as horas de ensaio ou función é cando poden, e realmente logran, “desconectar” das preocupacións. Elas se amosan moi contentas e ilusionadas con poder participar neste proxecto, que naceu da man da posta en valor da igualdade de xénero. Esta actividade está dirixida a contribuir a promover a igualdade entre homes e mulleres, e que esa normalización da igualdade axude a eliminar lacras sociais como a violencia de xénero

Este grupo de actrices ‘amateurs’ leva subido ós escearios dende o ano 2011 e agora atópase aberto o prazo de inscrición para tódolos interesados en unirse a elas.