O Mestre Gaiteiro José Martínez, primeiro homenaxeado do ABRENTE FOLK

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O músico mosense de 83 anos recibiu a boa nova esta mañá no Concello

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a presidenta do Círculo Cultural Abrente, María Romero Lago, -acompañadas pola concelleira mosense de Cultura, Sara Cebreiro, e o músico Xaime Estévez Vila- comunicáronlle esta mañá no salón de Sesións da Casa Consistorial mosense ao Mestre Gaiteiro José Martínez García, que o Concello xunto coa directiva do Círculo Cultural Abrente, decidiron organizarlle un acto homenaxe.
A devandita homenaxe pretende conmemorar a traxectoria de Martínez, de 83 anos de idade, que foi un dos pioneiros Mestres Gaiteiros do municipio e o primeiro profesor de gaita de varias agrupacións culturais mosenses, tales coma Anduriñas de Dornelas, A Cividade de Louredo, C.R.C de Torroso, Santa Eulalia de Mos, C.C. Herville, As Pedriñas (no Campo da Feira) e C.C. Abrente, entre outras. Ademais dalgunhas tamén fóra de Mos.
José Martínez exerceu durante un total de 35 anos de mestre de gaita, dende os 35 ata os 70 anos.
A rexedora local e a presidenta do Abrente destacaron sobre José que “é para nós un gran orgullo contar en Mos cun veciño coa súa vagaxe musical, a pesares de ser autodidacta, e co seu bo facer tanto como gaiteiro como docente de nenos e adultos, que o lembran con grandes afecto e admiración. Mostra da súa valía é o cariño incondicional que lle profesan referíndose sempre a el como o señor José, o gaiteiro”.
Nacido na parroquia de Mos, pasou a maior parte da súa vida en Dornelas, onde segue a vivir na actualidade. Alí é un vecño querido e admirado pola súa calidade humana, cercanía e humildade.
Por todos estes motivos será o primeiro homenaxeado dentro do Festival “ABRENTE FOLK” que terá lugar o vindeiro 2 de xuño ás 18.30 horas no auditorio do Centro Dotacional de Torroso, coa colaboración do Concello de Mos.
Arévalo e Romero concluíron “esperando que a José lle faga tanta ilusión este acto homenaxe como aos membros do Abrente e desta Corporación Municipal”.

Xaime Estévez

Xaime Estévez Vila, como músico recoñecido que é, estivo hoxe acompañando ao C.C. Abrente e apoiando a súa decisión de homenaxear a José Martínez no ABRENTE FOLK.
Estévez Vila ten unha ampla traxectoria no eido da música tradicional galega, así como na educación e a difusión dela.
Xaime Estévez iniciouse na música nos anos 70 e, dende os primeiros anos, a súa carreira como músico, docente e investigador foi meteórica: con só 18 anos foi o segundo mestre de gaita de conservatorio da historia de Galicia. Máis tarde nos 90 fundou o seu propio conservatorio en Vigo, publicou numerosos estudos e no 2006 doutorouse ca seguuinte tese: “As gravacións da música galega dende 1975 ata o 2000”.
É Mestre Gaiteiro e escritor de libros tales como: As Gravacións da Música Galega, A Gaita no Eido da Música, Reveriano Soutullo Otero, Son do Folk ou Músicos con Clase, entre outros… ademais el foi o homenaxeado na I Edición dos Premios Mestre Machiño dentro do Festival Intercéltico “O Son do Pazo”.