O Ministerio de Facenda a través do Catastro impón ao Concello de Mos unha nova Valoración Catastral

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

 

  • Afecta tamén aos municipios de Salceda, Bueu e O Porriño
  • A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, lamenta que se faga “sen previo aviso e no peor momento posible para a veciñanza dada a crise derivada da COVID-19”

 

 

Sen previo aviso e no peor momento posible para a veciñanza dada a crise derivada da COVID-19, o Ministerio de Facenda a través do Catastro impón o inicio dun novo Procedemento Simplificado de Valoración Catastral en Mos, que tamén afecta aos concellos de Salceda de Caselas, Bueu e O Porriño.

 

Neste sentido a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo lamenta “a imposición sen previo aviso desta revisión catastral, que foi publicada con data de onte na Sede Electrónica do Catastro, tras ter mantido unha videoconferencia coa Xerente Territorial do Catastro en Pontevedra, Micaela Martínez Benavente, na que esta mantivo unha postura e actitude hostil de ataque ao Concello e posteriormente, foi publicado na Sede Electrónica o Acordo do Inicio do Procedemento Simplificado, sen previo aviso e sen contar co consenso desta administración local; do que nos enteramos por casualidade esta mañá ao consultar o Taboleiro de Anuncios da Sede Catastral”.

 

A rexedora local manifesta a súa “sorpresa e descontento ante a posición e actitude do Catastro, ante a falla de información; pero tamén a decepción co ORAL e, por conseguinte, coa Deputación de Pontevedra, por ser coñecedores desta decisión unilateral do Ministerio de Facenda e non terllo comunicado aos concellos afectados”.

 

Arévalo considera “indignante que non se lle deixe marxe ao Concello para defender os intereses dos veciños e simplemente se alegue desde o Catastro que están amparados pola lei para impoñer esta nova revisión catastral sen petición formal nin previo aviso aos municipios afectados”.

 

A nova revisión catastral que afecta á veciñanza do Concello de Mos consiste nun Procedemento Simplificado de Valoración dos chans que adquiren a consideración de chan de natureza urbana, con motivo da existencia de Plan Xeral (PXOM do ano 2017) e que se atopaban excluídos na delimitación de chan de natureza urbana do relatorio de valores vixente.

 

Para os propietarios afectados iníciase o prazo de trámite de audiencia de 10 días e, unha vez transcorrido, procederase por parte do Catastro á correspondente notificación individualizada dos valores catastrais resultantes.

 

É por elo que desde o Concello de Mos ponse en coñecemento esta realidade aos titulares catastrais afectados, para alertalos de que deben realizar, no prazo de 10 días hábiles contados desde onte, o trámite de audiencia. Para elo deben pedir cita previa na Xerencia do Catastro en Pontevedra chamando aos teléfonos 91 387 45 50 – 902 37 36 35 ou a través da Sede electrónica do Catastro (www.sedecatastro.gob.es) para posteriormente acudir en persoa á sede da Xerencia, sita na Rúa Andrés Muruáis, 4 de Pontevedra a formular as alegacións e presentar as probas que se estimen pertinentes.