O Mos Xuvenil ascende a Primeira Autonómica

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Os xogadores da Unión Deportiva Mos foron protagonistas esta tarde dunha recepción municipal

Esta tarde celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos unha recepción ao equipo Xuvenil da Unión Deportiva Mos, que ven de proclamarse campión de Liga a falla aínda de dúas xornadas por disputar.
Os xogadores da Unión Deportiva Mos Xuvenil foron recibidos e felicitados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e demais membros da Corporación Municipal que destacaron o labor, a valía, o esforzo, o espíritu deportivo e a capacidade de superación destes rapaces.
O Unión Deportiva Mos Xuvenil leva de líder na clasificación dende case o comezo de tempada. Antes do mes de decembro de 2017 xa encabezaban a táboa e durante todos estes meses lograron manter o liderato. A tan só dous partidos para finalizar a Liga, o equipo mosense xa ten o título no seu haber. Título que implica un ascenso de categoría a Primeira Autonómica.
Dende a Unión Deportiva Mos, o seu presidente, Pablo Alonso Serodio, e o seu director deportivo, Cristian Taibo Lorenzo, consideran que “este logro chega na liña do bo traballo de formación que se está a facer dende a canteira da U.D. Mos”. Alonso Serodio e Taibo acompañaron esta tarde aos xogadores durante a recepción, xunto co seu adestrador, Wilson Soares.
O Mos Xuvenil considera ós rivais contra os que se enfrontará nos dous vindeiros e últimos partidos de Liga, “rivais difíciles”, pero aseguran que sairán ao terreo de xogo “a desfrutar e sen presión”, coa tranquilidade que dá saír ao campo co título de liga nas mans.
A vindeira tempada o grupo de xogadores que actualmente integra o equipo do Mos Xuvenil manterase prácticamente intacto. Trátase dun equipo con integrantes moi novos.
Tanto o presidente coma o director deportivo e o resto da directiva do clube aseguran sentirse “moi orgullosos da hazaña acadada por estes rapaces. Dende logo o máis importante no vestiario e no terreo de xogo é o bo ambiente e a formación deportiva, pero cando se dá un éxito desta envergadura é un claro indicador de que algo se está a facer ben”.
As expectativas e propósitos do equipo para o ano que ven son competir o mellor posible na nova categoría e, co tempo, ir marcándose novas metas e obxectivos.
Pablo Alonso Serodio e Cristian Taibo destacaron o gran labor realizado nesta proeza do Mos Xuvenil por parte do seu adestrador, Wilson Soares, asegurando que “gran parte do mérito deste éxito deportivo é súa, e do gran traballo levado a cabo como técnico”.
A día de hoxe, na Unión Deportiva Mos son xa máis de 250 licenzas de xogadores e xogadoras. E continúan abertos a novas incorporacións, sobre todo nas categorías de fútbol base.