O mosense Alberto Simón, novo Campión Galego de Kickboxing

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O púxil adestrado por Juan Alonso vence na competición autonómica na modalidade de kickboxing lowkick

 

O clube deportivo Kick Boxing Mos segue cultivando títulos, neste caso con Alberto Simón, que o sábado 21 do pasado mes de setembro conseguiu vencer ao púxil Erik Saúl do ximnasio Simón de Vigo, erixíndose novo Campión Galego de Kickboxing (lowkick).

 

O Campionato Galego de Kickboxing tivo lugar no concello de Miño (A Coruña). Tras tres duros asaltos, o púxil mosense alzouse coa vitoria, levándose así o ansiado Cinto de Campión Galego.

 

O seu adestrador, Juan Alonso, define a Alberto como “un mozo moi disciplinado” e está convencido de que “seguirá cultivando títulos”, posto que antes de que termine o ano disputará a final de Campionato Galego de K1, e a semifinal do Campionato Galego de Full Contact.

 

O Kick Boxing Mos é un dos poucos clubs de Galicia que compiten en todas as modalidades: kickboxing, K1, Full Contact e Muaythai. Nesta última non podendo disputar as finais por non ter rivais no seu peso. O equipo mosense adestra no ximnasio Jovhen Sport do Porriño.