O Multiusos de Mos acollerá o “Certame Folclórico Interitmos” o vindeiro 29 de xuño

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Xa está aberto o prazo de inscrición para os interesados en participar, o último día para apuntarse é o 3 de xuño

Esta mañá celebrouse na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, a presentación do “Certame Folclórico Interitmos” que terá lugar no auditorio do centro Multiusos das Pozas o vindeiro 29 de xuño. En representación do Concello de Mos asistiu ó acto de presentación a edil de Cultura, Sara Cebreiro, que estivo acompañada pola deputada provincial, Marta Iglesias, e Sandra González, presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural do Área intermunicipal de Vigo-Baixo Miño (AGDR), entidade organizadora deste evento cultural e asentada nas instalacións do CDL, Centro de Desenvolvemento Rural, de Mos. O “Certame Folclórico Interitmos”, desenvólvese como parte dun proxecto internacional de promoción cultural do territorio.

O acto desta mañá serveu para abrir formalmente o prazo de presentación dos grupos e solistas que optarán a participar neste certame, cuxos premios van dende a grabación dun CD coas pezas tradicionais do repertorio dos dous gañadores, ata varios accésit cos que se elaborará material promocional para o resto dos grupos agasallados. O prazo de incrición remata o día 3 de xuño ás 14.00 horas e os interesados en obter máis información sobre o certame, ler as bases do mesmo ou formalizar a súa inscrición polen facelo consultando a páxina web do Grupo de Desenvolvemento Rural MAIV-Baixo Miño, www.agdr18.org, chamando por teléfono ó número 986 44 30 30, ou visitando as oficinas do Grupo no CDL mosense.

Marta Iglesias explicou que a selección dos participantes levarase a cabo por parte dun grupo de expertos, mentres que a concelleira mosense de Cultura, Sara Cebreiro, aproveitou para “invitar a todos os galegos a participar desta festa cultural”.

Sandra González suliñou a importancia do proxecto Interitmos, que ten un carácter internacional, conta cunha financiación de 500.000 euros do Ministerio de Alimentación e Medio Ambiente, e está promovido por un conxunto de grupos de desenvolvemento rural de varias comunidades autónomas, entre eles catro galegos (2 de Pontevedra, 1 de Ourense e 1 de A Coruña). “A intención é contribuir ao desenvolvemento dos territorios a nivel cultural”, sinalou González.

A deputada provincial lembrou tamén que no área de Vigo-Baixo Miño hai perto de 1.000 agrupacións folclóricas coas que colabora a Deputación. E animou a todas elas “a participar desta selección e contribuir de xeito activo nesta iniciativa de promoción do noso territorio”

Interitmos

O proxecto de cooperación Interitmos persegue a caracterización, visibilización, recuperación, valorización e difusión do patrimonio musical tradicional dos espazos rurais, así como a contribución á promoción turística en rede dos territorios.

Entre as súas actividades figuran o estudio, investigación e interpretación do patrimonio musical destes territorios, así como a súa implicación como estratexia de desenvolvemento económico e productivo para os espazos rurais, a través da creación de productos turísticos musicais e culturais.

Trala fase de estudo e diagnose desenvolvida ao longo dos dous últimos años, o proxecto entra agora na etapa da posta en valor das iniciativas máis representativas da música tradicional. A intención é rematar coa elaboración dun proxecto de márketing, a creación de redes de transferencia de resultados de investigación, e a posta en marcha de plans de difusión que axuden a mellorar a promoción turística e cultural dos territorios.