O Multiusos de Mos acollerá o I Festival Solidario Aluméame

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Celebrarase o vindeiro domingo pola terde e consistirá nun espectáculo de música e baile tradicionais a cargo dos nenos das escolas do municipio

 

A Asociación Cultural Tangaraño coa colaboración das concellerías de Cultura e Benestar Social mosenses, que dirixe a edil Sara Cebreiro, organiza o I Festival Solidario de Música e Baile Tradicionais. O festival celebrarase o vindeiro domingo, día 17 de marzo, a partir das 17.30 horas da tarde no centro Multiusos das Pozas, parroquia de Petelos.

 

O prezo da entrada solidaria por persoa serán alimentos non perecedoiros. Os alimentos serán recollidos polo Club de Leones de Mos, que se encargará de distribuílos entre as familias máis necesitadas do municipio.

 

Neste acto implicáronse tamén de xeito totalmente altruísta varias escolas infantís de baile de Mos, cuias agrupacións serán as que bailen o domingo no Multiusos. Concretamente neste Festival Solidario actuarán os nenos e nenas dos grupos de baile Celado de Cela, Follas Novas de Guizán, Nosa Terra de Pereiras, As Pedriñas de Tameiga, Santa Eulalia de Mos e Tangaraño de Sanguiñeda.

 

Sobre esta iniciativa a concelleira Sara Cebreiro declarouse hoxe “satisfeita e emocionada ante o feito de que asociacións sociais e culturais do noso municipio, como son o Club de Leones e as escolas de baile de Mos, respectivamente, se unan e participen conxuntamente en eventos solidarios coma este, que lle serán dunha gran axuda no seu día a día a moitos dos veciños mosenses máis desfavorecidos”. Así mesmo Cebreiro declarou que espera “que se reunan moitos kilos de alimentos e que este sexa o primeiro de moitos Festivais Solidadrios Aluméame, posto que se trata dunha iniciativa moi fermosa e cuns valores que é importante fomentar na sociedade actual”, dixo a edil.