O nadador Juan Ferrón recibe unha subvención nominativa do Concello de Mos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

 

Aprobouse no Pleno Ordinario do presente mes de marzo. O clube ao que pertence, o Club Natación Mos, é tamén perceptor de axuda municipal anual

 

 

O Pleno do Concello de Mos aprobou o pasado luns, 29 de marzo, pola unanimidade dos votos dos membros integrantes da Corporación Municipal, conceder unha subvención nominativa para o presente ano 2021 ao nadador do Club Natación Mos, Juan Ferrón.

 

Ferrón trátase dun deportista imparable que nas últimas semanas fixo varios podios e trouxo medallas para Mos. A meteórica traxectoria de Juan inclúe novos títulos como o de Campión de España por Comunidades Autónomas en 200 mariposa e récord de España Absoluto S13 – 2:24:12, 100 libre – Mellor Marca Persoal con 58.42; e o de Subcampión de España AXA de Promesas Paralímpicas.

 

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o novo concelleiro de Deportes, José Areal, defíneno como “un gran orgullo para este Concello e para o seu clube. Unha honra contar con deportistas deste calibre no noso municipio. Ademais de ser un exemplo de esforzo e superación para a mocidade da nosa localidade”.

 

Entre outros dos seus logros deportivos, Juan Ferrón foi preseleccionado para os Xogos Paralímpicos en febreiro de 2020, proclamouse Campión de España de Natación Adaptada en 100 metros Libre e Bolboreta en novembro de 2019, despuntou na World Paralimpic Series de Berlín, competición de Natación Adaptada, en xullo de 2019; e un longo etcétera de logros deportivos.

 

É por elo que desde o Concello de Mos se lle considera merecedor dunha axuda económica municipal deportiva, para apoialo no desenvolvemento da súa actividade. Ademais de Juan Ferrón, outros deportistas e clubes mosenses reciben subvención da administración local mosense, como o equipo da U.D. Mos Feminino que xoga en Primeira Nacional e ten ao Concello de Mos como o seu principal patrocinador.

 

As demais entidades beneficiarias destas axudas son a Unión Deportiva Mos, o Club de Fútbol Alerta, o C.D. Louro Tameiga, o Club Xadrez Mos, o Club Natación Mos, as Escolas de Patinaxe de Mos, o Club de Patinaxe Rosaleira, o Club de Patinaxe Xiramos, a bailarina Patricia Martínez, a ciclista Susana Alonso, Juan Rivera, e o Clube de Tiro con Arco ‘Archer’s Team’.