O Obradoiro de Emprego Mos Verde forma e amplía as oportunidades laborais de 15 mozos mosenses menores de 30 anos

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

xt_mg_0464Este programa mixto de formación e emprego conta con dúas especialidades: deseño gráfico e educación ambiental, e limpeza en espazos abertos e xestión de residuos

A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, xunto ó concelleiro mosense de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, deron a benvida onte na Axencia de Colocación de Mos aos 15 rapaces participantes no Obradoiro de Emprego Mos Verde ademais de saudar ao persoal a cargo do mesmo.

 

A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, deu comezo esta semana na Axencia de Colocación mosense ó Obradoiro de Emprego específico para menores de 30 anos, Mos Verde, no que se ofrece formación e traballo a 15 mozos e mozas desempregados do municipio durante 6 meses. A secretaria territorial da Xunta, Yolanda Lesmes, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, acompañaron ó edil Óscar Soto no inicio do obradoiro.

 

Así, a iniciativa forma parte do programa de Garantía Xuvenil e para a súa posta en marcha a Xunta inviste máis de 132.000 euros. Este tipo de programas mixtos de formación e emprego se centran na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo para os menores de 30 anos que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realicen. Ademais, esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibirán formación específica que lles permitirá iniciar os seus propios proxectos.

 

Neste caso concreto, o obradoiro formará a 15 mozos e mozas nas especialidades de deseño gráfico e educación ambiental (7 persoas) e limpeza en espazos abertos e xestión de residuos (8) durante 6 meses. Ademais de recibir formación tamén percibirán o salario mínimo interprofesional. Tamén, ao remate do Obradoiro os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

 

Mos Verde é un programa mixto de formación e emprego, que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade de mozos e mozas inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil, mediante a realización de obras ou prestacións de servizos de interese xeral e social que posibiliten aos alumnos/as participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co traballo a desenvolver, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Os destinatarios deste obradoiro teñen unha idade igual ou superior a 18 anos e son menores de 30 anos, desempregados/as, inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, e cos requisitos establecidos na normativa do contrato para a formación e aprendizaxe ademais do Sistema de Garantía Xuvenil.

O proxecto incorpora formación profesional, ao abeiro dun certificado de profesionalidade, e aúna ao mesmo tempo unha práctica profesional, que permite a realización dun traballo efectivo.

As actuacións que se levarán a cabo durante o mesmo son limpeza en espazos públicos abertos, xestión de residuos urbanos e industriais incidindo na compostaxe e reciclaxe, e control e protección do medio natural (dentro da que sería a primeira liña de actuación do obradoiro); e deseño de productos gráficos e interpretación e educación ambiental (na segunda liña de actuación).

 

O fin do obradoiro é a formación nestas dúas especialidades e, concretamente, entre os obxectos de actuación atópanse: a elaboración de trazados e rutas e preparalos para a súa edición gráfica a partir dos recursos naturais e patrimoniais existentes; completar o inventario de recursos naturais co obxectivo de crear rutas e itinerarios do Precurso da Auga e desenvolver proxectos de produtos gráficos ademais de tratar imaxes e elementos gráficos; elaborar materiais didáctico-divulgativos para actividades de educación ambiental; deseñar folletos e carteis sobre recursos naturais e patrimoniais do municipio; deseñar a imaxe gráfica para trasladar a redes sociais ou web municipal deses mesmos recursos; sensibilizar á poboación local coa posta en marcha dun programa educativo dirixido a poboación en xeral e a colectivos e particulares e, por último, actuacións de limpeza en espazos públicos de forma manual e en 7 zonas urbanas do concello que abarcarán o mobiliario urbano, sumidoiros, beiravías, parques e xardíns co obxectivo de conseguir un espazo limpo de residuos.