O paro en Mos: as cifras seguen a descender

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Nos últimos 12 meses o número de parados en Mos descendeu un 17,8% ata os 985 rexistrados en xuño

Continúa o descenso do paro en Mos e, se o mes pasado dende o Concello informábase de que se rexistraba en maio a cifra máis baixa dende facía trece anos (acadando índices de desemprego do ano 2005), en xuño a taxa de desempregados mosenses volveu a reducirse chegando aos 985 parados.
Nos últimos 12 meses o número de parados en Mos descendeu un 17,8%, o que supón unha histórica baixada do paro. Tan só durante este último mes a lista de desempregados mosenses reduciuse en 37 persoas, pasando de 1.022 parados no mes de maio a 985 en xuño. Destes 985 desempregados 48 son menores de 25 anos, e 937 maiores de 25 anos de idade. Por sexos, 390 son homes e 595 mulleres. Respecto dos sectores, os desempregados mosenses distribúense do seguinte xeito: 17 en agricultura e pesca, 216 en industria, 84 en construción, 605 no sector servizos e 63 sen emprego anterior.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Novas Tecnoloxías, Óscar Soto, declararon a este respecto que “con estes datos constátase a recuperación do emprego no noso Concello, e por tanto a recuperación da actividade empresarial. A recuperación trasládase ao mercado laboral mosense e cada vez chega a un maior número de persoas. O mercado laboral mellora gradualmente e o emprego que se crea vai gañando progresivamente en calidade a medida que se asenta a recuperación”.
O Concello de Mos pode enorgullecerse de ter traballado duro e de xeito constante en materia de emprego e de ter logrado, a pesar da crise económica e das dificultades atravesadas polo mercado laboral a nivel nacional, reducir o número de habitantes en situación de desemprego progresivamente.
Esta esperanzadora realidade é posible grazas ás políticas municipais de emprego proactivas que dende 2009 ten o Concello de Mos.
Precisamente esta semana clausurábase o Obradoiro Municipal de Emprego Mos Rehabilita, e o Concello de Mos atópase xa tramitando a solicitude de dous novos que comezarían en setembro; ten en marcha tres Accións Formativas para Desempregados (cursos AFD), e está a tramitar tamén a solicitude das novas para inicialas no mes de setembro; tamén está operativo o III PIE (Plan Integrado de Emprego) Mos 3.0, a Escola de Emprendemento que se inaugurou fai dous meses e a Escola Segunda Oportunidade, que botará a andar no último trimestre do presente ano. Con estas dúas últimas iniciativas queda totalmente cumprido o programa electoral do actual equipo de goberno en materia de fomento do emprego, segundo informa o edil Soto.
Ademais, hai que lembrar que o de Mos é Concello Emprendedor Doing-Business e conta cunha Axencia Municipal de Colocación na que unha Orientadora Laboral e unha Técnico en Asesoramento a Emprendedores prestan apoio a todos os usuarios que o demanden.
O Concello de Mos tamén conta cun convenio de colaboración coa Fundación La Caixa-Microbank para a financiación a emprendedores.