O Parque Empresarial Mos-Veigadaña inaugura AFAMSA, a súa empresa número 27

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O polígono industrial mosense ten o 60% dos seus terreos vendidos, o que representa unha superficie de ocupación de 150.000 metros cadrados

 

Esta mañá inaugurouse no Parque Empresarial Mos-Veigadaña a empresa de refinamento de aceites mariños, AFAMSA, acto ó que asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o subdelegado do goberno en Pontevedra, Antonio Coello, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, a delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Mª José Bravo Bosch, o director da empresa, Andrés Valiñas, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e membros da Corporación Municipal mosense.

 

A empresa AFAMSA, adicada ó tratamento e refinación de aceites e graxas animais e vexetais para a fabricación de pensos.animais, de pinturas, ou para o curtido de coiros, entre outros usos, conta cun total de 29 traballadores na súa plantilla e está en pleno momento de expansión a pesar da crise, xa que logrou duplicar a súa facturación chegando a facturar 24 millóns de euros. Trátase dunha empresa con 50 anos de historia que, co traslado das súas instalacións ó polígono da Veigadaña, suma a número 27 das que xa se atopan instaladas e en activo dentro desta área industrial do Concello de Mos. AFAMSA adaptouse á idiosincrasia mosense e forma parte como membro asociado da Asociación de Empresarios de Mos, AEMOS.

 

A día de hoxe no PEMOS-Veigadaña o solo vendido acada xa un 60% do total, o que representa a cifra exacta de 150.000 metros cadrados. Atendendo a estas cifras, Núñez Feijoo definiu este polígono durante a súa intervención desta mañá como “un pulmón industrial dentro da área metropolitana de Vigo”.

 

Pola súa banda o presidente autonómico animou tamén ós empresarios a seguir o exemplo de AFAMSA en canto á súa política de expansión e exportación “pois é a clave da internacionalización da economía galega e española, única vía para sair da crise actual”, declarou Feijóo.

 

Nas súas palabras Arévalo, rexedora local, destacou o día de hoxe como “unha data significativa para a industria e o crecemento empresarial mosenses”. Tamén lle agradeceu ó presidente da Xunta o apoio ó Parque Empresarial Mos-Veigadaña dende o seu nacemento e que sempre lle dese a importancia que verdadeiramente ten entre os polígonos da provincia de Pontevedra e incluso da Comunidade Autónoma Galega. A alcaldesa amosouse tamén “orgullosa de contar dentro das fronteiras de Mos con industrias de tal calibre e envergadura como é AFAMSA”, dixo.