O Pavillón e a Piscina Municipais teñen ó día tódalas certificacións en materia de seguridade

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

A última revisión dos extintores realizouse a principios do pasado mes de marzo

 

O equipo de goberno local de Mos, en concreto o seu concelleiro de Deportes, Isidoro Táboas, lamenta novamente o descoñecemento, por parte dos corporativos municipais membros dos grupos da oposición, do día a día da xestión na administración local. Neste caso o edil de Deportes mosense alude ás pertinentes revisións en materia de seguridade nas instalacións deportivas do Pavillón Óscar Pereiro que albergan tanto a Piscina coma o Ximnasio e Pavillón Municipais.

Respecto da revisión dos extintores en ditas instalacións, Táboas explicou hoxe que se realizou  unha revisión semestral a principios do pasado mes de marzo nos extintores da Piscina Municipal e nos extintores do Pavillón; polo que os extintores destas instalacións deportivas mosenses cumpren coas revisións obrigatorias por lei.

“Dende o goberno temos unha gran preocupación polo Pavillón Óscar Pereiro en materia de seguridade xa que conta cun elevadísimo volume afluencia, cunha media de 1.300 usuarios á semana, un número tan grande de veciños e veciñas de Mos que pasan semanalmente por estas dependencias municipais co que non se pode xogar” declarou o concelleiro responsable da área de Deportes.

O que indigna maiormente ó equipo de goberno son as críticas en nota de prensa de Alfonso Parada, voceiro do grupo socialista, respecto da temperatura e do tratamento da auga da Piscina Municipal posto que son os aspectos que máis afectarían ós usuarios da mesma xa que pasan unha gran cantidade de tempo dentro da auga e, polo tanto, en contacto coa mesma. É por iso que dende o Concello aportáronse tamén esta mañá os datos pertinentes que demostran o erróneo das súas afirmacións. En canto á temperatura, Isidoro Táboas explicou que se atopa sempre por enriba do mínimo esixido, marcado nos parámetros de entre 25º C e 27º C, rexistrando a diario temperaturas de 28º C porque así o demandan os bañistas. “Temperaturas estas que por outra parte se comproban dúas veces ó día e aparecen rexistradas nunhas follas de seguemento diarias que poden ser consultadas por quen o demande”, declarou Táboas.

O tratamento de augas do vaso da Piscina Municipal tamén se atopa escrupulosamente axustado ós parámetros legais establecidos. O edil responsable do departamento de Deportes asegura que un laboratorio se encarga de recoller mostras de auga e analizalas unha vez ó mes sen que se rexistrara nin unha soa alteración no último ano. Os resultados destas analíticas mensuais se atopan expostos no taboleiro de anuncios da piscina para que calquera persoa interesada poida consultalos. “Ademais e a maiores”, segundo argumenta Táboas, “dende a consellería de Sanidade faise un rigoroso control da situación da Piscina Municipal, realizando inspeccións sen previo aviso varias veces ó ano sen que se nos chamase a atención por ningunha anomalía nas últimas inspeccións efectuadas por Sanidade”. E por se todo isto fora pouco, os monitores da piscina comproban os niveis da auga (temperatura da auga e temperatura ambiente, cloro libre e total, conductividade, PH e número de usuarios no interior do vaso) dúas veces ó día, -ó abrir á primeira hora da mañá e ó pechar á ultima hora da tarde-, e rexístranos nas follas de seguemento diarias.

De todos estes datos o concelleiro insiste en que están públicamente expostos e poden ser consultados por todo aquel que o desexe.