O pavillón Óscar Pereiro acollerá o domingo o Trofeo Concello de Mos de Baile Deportivo

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

Celebrarase a partir das 13.00 horas e contará coa participación da mosense Patricia Martínez e a súa parella, Adrián Esperón

 Máis de 100 parellas tomarán parte o próximo domingo 28 de Outubro de 2012 no Trofeo Concello de Mos de Baile Deportivo, organizado pola Escola de Baile Pasos, coa colaboración do Concello de Mos. Esta competición celebrarase no Pavillón Polideportivo Oscar Pereiro de Mos e o horario será de 13.00 horas a 20.00 horas, sendo as categorías máis espectaculares a partir das 16.00 horas.

O prezo da entrada é de 6 euros para os maiores de 12 anos, mentres que os menores de 12 anos entran gratis.

Os Bailes Estándar que se poderán observar o domingo son de corte máis clásico, como o Valse Inglés, Tango, Valse Vienés, Slow Fox e Quickstep. Os Bailes Latinos englobarán a Samba, Chachachá, Rumba, Pasodobre e Jive.

Esta competición é puntuable para o Ranking Nacional da FEBD (Federación Española de Baile Deportivo).

 Ademais o domingo tamén terá lugar un Open Internacional de Bailes Latinos e Estándar, no que participarán parellas de España e Portugal, de onde veñen unhas 30 parellas de Lisboa, Porto, Braga e outras poboacións portuguesas.

A competición puntuable divídese en diferentes categorías que van da G e H, que son as máis baixas, seguindo pola 1ª e 2ª Territorial e os Nacionais C, B ata a AN e AI, máximas categorías de nivel nacional que supón ter alcanzado varios podios en todas as categorías inferiores, así como posuír unha gran calidade técnica e artística.

O nivel de participación será moi alto xa que en Galicia contamos cos 3 veces campións de España Estándar e 2 veces campións de España de 10 Bailes, Adrián Esperón (Pontevedra) e Patricia Martínez (Mos) do Club Pasos-Bailegalicia que parten como favoritos na Categoría Internacional.

A veciña de Mos e campiona de España, Patricia Martínez, xunto coa súa parella Adrián Esperón, representarán a España no mes de novembro no Campionato do Mundo Estándar en Melbourne (Australia) e na Copa da Unión Europea de 10 Bailes (República Checa).

Por último sinalar que o Baile Deportivo e de Competición é unha modalidade deportiva recoñecida polo CSD e o COI e depende da WDSF (World Dance Sport Federation), que ten como representación en España á FEBD. En Galicia está recoñecido como modalidade deportiva e estase a crear a Federación Galega de Baile Deportivo.

Ademais o Baile Deportivo está incluído no programa XOGADE (Xogos Deportivos en Idade Escolar), convocados pola Secretaría Xeral do Deporte en Galicia en colaboración coas Federacións Deportivas.