O Pazo de Mos

O Pazo dos Marqueses de Mos atopase no barrio de A Rúa na parroquia que da nome ó Concello de Mos.

Localizado ó carón da antiga calzada romana que unia Bracara Augusta (actual Braga) con Tui e Santiago de Compostela.  Atópase a escasos metros da igrexa parroquia de Santa Eulalia e o edificio máis coñecido por “casa branca” que albegou a antiga casa consistorial de Mos.  Actualmente, o Pazo de Mos é a sede da Fundación Pazo de Mos, composta pola AVV Santa Baia de Mos e a Comunidade de Montes de dita parroquia.  Asemade, é a sede do Cículo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos.

A construcción do Pazo de Mos data do século XVII, cunha pranta en forma de “L” e construído en dúas fases:  primeiro a pranta do este e posteriormente a pranta do norte.  O edificio era a residencia dos Marqueses de Mos ata que foi pasto do lume e destruído polas tropas franceses nos primeiros anos do século XIX.  Na década dos setenta do século pasado a propiedade, a finca e o Pazo, foi adquirido pola empresa Industrias Frigoríficas del Louro que construíu un criadero de gando vacuno. A principios dos anos 80 a propiedade cambiou, sendo adquirido polo Grupo Coren, empresa que cedeu a propiedade das ruinas do Pazo á veciñanza.

O Pazo é unha construcción en tres alturas e un ático na pranta este, tendo unha superficie construida de aproximadamente 1.160 m2.  A descrición do Pazo de Mos corresponde ao dun edificio con planta en “L”, característica que comparte coas construcións civís coetáneas de toda Galicia.  Estrutúrase conforme a tres plantas superpostas. Consta de tres fachadas e un testeiro semienterrado dos seis lados que pechaban a planta en “L”, dos cales é importante salientar tres balcóns de granito labrados e dúas chemineas rematadas en esfera moi características da época de influencia herreriana. Un detalle a ter en conta para comprender a importancia e influencia do Pazo na vida e historia desta vila, é a localización neste do escudo da Casa de Mos que no século XIX deu orixe ao actual emblema municipal.

Historia

Atendendo á historia do Pazo, a documentación atopada sinala que o Coto de Mos pertenceu á poderosa Casa de Soutomaior, unha das máis ilustres da nobreza galaica, a cal exercía alí o seu señorío. O fillo primoxénito de Pedro Álvarez de Soutomaior (Madruga), chamado Álvaro, foi desherdado polo seu pai, pero apoderouse da Casa.  Tras varios acontecementos históricos ligados a esta familia (fuxida de Don Álvaro ao veciño Reino de Portugal e as conspiracións artelladas na súa contra), veu a parar esta propiedade a súa neta Dª. María de Soutomaior. A relación directa de descendentes chegou até Don Gabriel de Quirós, que foi Deputado Xeral de Galiza e Xentilhome de Carlos II, e por este monarca, agraciado en 1686 co título de Marqués de Mos.  Por carencia de descendentes directos, sorde o sétimo Marqués de Mos que foi Don Fernando Quiñones de León e Elduayen, en quen ser reuniron os de Mos e Valadares. O actual posuidor deste título é Don Mariano Pérez e Pérez de Castro.  O título de Mos ten a Grandeza de España de 1776, mercé concedida ao cuarto marqués, en atención aos servizos prestados á patria polos seus antecesores.  No escudo conservado na súa fachada móstranse os apelidos, de notábel importancia histórica na comarca: Soutomaior, Sarmiento, Quirós, Ozores, Moscoso, Leirós, etc.