O PEMOS-Veigadaña contará co seu punto limpo de cara á primavera

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

As obras, que marchan a bo ritmo, foron visitadas esta mañá polos edís Camilo Augusto e Julia Loureiro

 

A edil de Medio Ambiente do Concello de Mos, Julia Loureiro, e o tamén concelleiro mosense Camilo Augusto, visitaron esta mañá a parcela do Parque Empresarial Mos-Veigadaña na que se ubica o punto limpo da Xunta de Galicia, cuias obras marchan a bo ritmo e prevese que estean rematadas de cara á vindeira primavera. O novo punto limpo estase a construir nunha parcela cunha superficie aproximada de 2.315metros cadrados.

 

O punto limpo do Polígono da Veigadaña fora licitado pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en maio de 2012 e supón unha inversión por parte da administración autonómica de 267.000 euros. Para a construcción deste punto limpo o Executivo autonómico achegará o 100% do total do investimento, co fin de executar estas obras de carácter ambiental que suporán unha importante mellora na xestión de residuos desta área.

 

Sobre esta infraestrutura a concelleira de Medio Ambiente, Julia Loureiro, declarou hoxe que “trata de evitar a vertedura incontrolada de entullos e residuos voluminosos coma mobles ou electrodomésticos e facilitar a recuperación dos recursos contidos nos residuos para a súa reciclaxe” e engadiu que “esta instalación beneficiará directamente aos preto de 15.000 habitantes de Mos e a súa área de influencia”.

 

O punto limpo da Veigadaña permitirá o depósito e a clasificación daqueles residuos urbanos que requiren dunha xestión específica polo seu tamaño, natureza ou perigosidade co fin de que se separen os residuos xerados nos fogares que representan un risco para o medio ambiente ou a saúde, e que non encaixan dentro dos tipos de residuos que se xeran maioritariamente nos fogares e para os que non existen colectores específicos na rúa. O novo punto limpo de Mos pretende evitar os verquidos incontrolados dos desfeitos de gran tamaño coma os electrodomésticos vellos, e facilitar a recuperación dos residuos reciclables.

 

Nesta instalación depositaranse aqueles materiais que, polas súas características, non se poden tirar nos colectores da rúa, tales como medicamentos, aceite doméstico e industrial, filtros de aceite, pilas, fluorescentes, baterías, disolventes, tóner e tintas, radiografías, material fotográfico, colchóns e electrodomésticos, metais ou ferralla electrónica, entre outros. Tamén se potencian outras accións como a recuperación e reciclaxe; evitar a vertedura incontrolada de entullos e obxectos voluminosos; e lograr almacenar, en condicións de seguridade e saúde, os residuos perigosos co fin de protexer o medio ambiente.

 

Estas obras teñen como obxectivo principal a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Mos e a protección do medio ambiente. Con esta iniciativa, esténdese e refórzase a rede de puntos limpos municipais financiados pola Xunta que, con este, pasa a contar con 125 destas infraestruturas. O actual Executivo autonómico xa leva investido neste tipo de puntos de xestión de residuos máis de 4,2 millóns de euros.

 

Coa posta en marcha da constucción deste punto limpo, tanto a Xunta de Galicia coma o Concello de Mos manteñen a súa aposta por unha adecuada valorización dos residuos sólidos urbanos (RSU). Con accións como estas, lógrase ademais que se poida levar a cabo a restauración dos espazos ocupados polos antigos vertedoiros.